publicidade hoxe

Véndete para emprender! desvela en Ribadeo as claves para triunfar na busca de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRibadeo
A-
A+

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este xoves no Instituto Centro Integrado Porta da Auga a xornada gratuíta Véndete para emprender!, que acollerá este centro educativo o vindeiro martes 16 de decembro tras o seu éxito na Deputación, onde participaron un cento de persoas. Trátase dunha charla motivacional organizada pola Deputación de Lugo coa colaboración do Grupo Acción Consciente e o propio centro educativo, dirixida principalmente a desempregados e emprendedores.

No acto, no que tamén estivo presente a directora do Porta da Auga, Beatriz Dobaño e a responsable do departamento de orientación, Ana Isabel Quián; Méndez subliñou o “profundo compromiso que o organismo provincial ten co desenvolvemento de políticas dirixidas a reactivar o mercado laborar”, ao tempo que lembrou agún dos programas de inserción laboral postos en marcha pola Deputación, como o Pacto polo Emprego II, cuxos “primeiros 60 beneficiados na Mariña comezaron esta semana a súa formación”.

Baixo o título Véndete para emprender!, o “coach” profesional, relator e formador Felipe García Rey revelará as aptitudes e as actitudes necesarias para enfrontarse con éxito á busca de emprego e chegar á entrevista de traballo con pleno coñecemento e seguridade nun mesmo. A charla baséase en analizar temas como a motivación, a xestión dos medos ou a creación dunha marca persoal.

A asistencia á conferencia, que se celebrará a partir das 12:00 horas no salón de actos do Porta da Auga, é totalmente aberta ao público e gratuíta, unicamente limitada ao aforo do espazo, que é de 150 prazas.

Currículum do poñente

Felipe García Rey é socio-director do Grupo Acción Consciente, “coach” profesional, poñente motivacional, formador e un dos primeiros profesionais acreditados en España para o uso de técnicas de dinámicas de alto risco e firewalking. Na actualidade está completando o grao universitario en Psicoloxía. Articulista habitual e membro do comité de redacción do Observatorio Europeo de Coaching, formouse sobre habilidades directivas, desenvolvemento profesional e persoal, intelixencia emocional, liderazgo, negociación persuasiva ou xestión do tempo. Ademais é membro e colaborador de AECOP (Asociación Española de Coaching y Consultoría de Procesos), ASNIE (Asociación Nacional de Inteligencia Emocional) e mentor da Fundación Barrié e Talentous.  

11 de decembro de 2014 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.