publicidade hoxe

Vázquez Abad felicita ao CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda polo premio obtido con “Medindo e contando”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+
Vázquez Abad en Redondela

Vázquez Abad en Redondela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda, en Redondela, onde quixo felicitar á comunidade educativa pola recente obtención dun premio no Concurso de Traballos por Proxectos coordinados desde a biblioteca escolar, na modalidade de Proxectos Documentais Integrados. En concreto o centro obtivo este galardón por “Medindo e contando”, na temática de ciencias, unha actuación dirixida a desvelar o aspecto social das matemáticas e a presenza continua desta disciplina na nosa vida cotiá e, máis en particular, en toda a actividade escolar. “Traballos coma este —dixo Vázquez Abad— poñen de relevancia a gran capacidade que ten a biblioteca escolar para achegar calquera disciplina ao alumnado, desde a literatura ás ciencias e matemáticas, razón polo que denominamos a estes espazos o ‘corazón’ dos centros e consideramos imprescindible a súa presenza transversal en todas as materias ao longo das diferentes etapas educativas”.

Durante a súa visita ao centro, na que estivo acompañado polo director, David Bernárdez, e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares; o conselleiro interesouse polas diferentes demandas da comunidade educativa e comprobou o resultado das melloras realizadas nestes últimos, que afectaron fundamentalmente ao pavimentado do patio, aos aseos e máis á instalación eléctrica. “Xunto coa achega feita á biblioteca escolar no marco do Plan de Mellora —dixo Vázquez Abad— estamos a falar dun investimento de máis de 76.000 euros neste centro”.

Cómpre sinalar, así mesmo, que ademais de ser plurilingüe este centro conta con 5 seccións bilingües e cun auxiliar de conversa estadounidense, “o que demostra que ademais da importante actividade dinamizadora que se realiza na biblioteca, o centro é tamén moi activo en materia de plurilingüísmo”.

“Medindo e contando”

“Medindo e contando” dividiuse por trimestres en tres grandes temas agrupados arredor do tempo como valor e como aspecto cuantificable e medible e a planificación do traballo, facendo unha análise de horarios, diferentes tipos de calendarios, axendas escolares…; o traballo como forma de ocupación do tempo e o salario que se obtén del, traballando sobre nóminas e reflexionando sobre o desemprego; e, finalmente, os cartos, cunha exploración dos diferentes tipos de moedas, dos deseños dos euros nos distintos países de Europa e as personalidades que neles se reflicten, e coñecendo tamén as tarxetas de crédito. O proxecto implicou a toda a comunidade educativa do centro e mesmo a persoas e institucións externas, e plasmouse en diferentes materiais e exposicións escolares ao longo do pasado curso escolar.

O obxectivo do Concurso de Traballos por Proxectos coordinados desde a biblioteca escolar é estimular, mediante o recoñecemento de boas prácticas, o deseño e desenvolvemento de iniciativas de carácter interdisciplinar ou de investigación nas bibliotecas. O concurso enmárcase no Plan LÍA 2010-2015 (Lectura, Información, Aprendizaxe), que ten entre os seus obxectivos xerais favorecer a adquisición das competencias básicas do alumnado galego, contribuír ao éxito escolar e incentivar o uso das bibliotecas escolares por parte das comunidades educativas. O Plan tamén persegue promover cambios no profesorado que faciliten a integración das tecnoloxías emerxentes, a mellora da calidade e a renovación das prácticas educativas. De feito, unha das liñas estratéxicas do plan é a de ampliar a visibilidade de boas prácticas que se estean a levar a cabo nos centros educativos a través das bibliotecas escolares, e que están a ter un papel fundamental para a adquisición da competencia informacional por parte do alumnado, así como para o tratamento transversal dos contidos do currículo escolar e un enfoque interdisciplinar en proxectos e actividades.

5 de decembro de 2014 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.