publicidade hoxe

Unhas 165 persoas privadas de liberdade participaron no programa “Voluntariado desde dentro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Pereiro de Aguiar
A-
A+

Un total de 165 persoas privadas de liberdade teñen participado no programa “Voluntariado desde dentro” desde a súa posta en marcha no ano 2012. Trátase dun proxecto desenvolvido pola Consellería de Traballo e Benestar en colaboración coa Asociación para a Prevención da Exclusión Social (APES), que ofrece a estas persoas a posibilidade de realizar actividades en beneficio da sociedade, ao tempo que se fomenta a súa participación social.

Así o destacou a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa visita ao centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

Actualmente, hai un total de 69 persoas voluntarias tomando parte nesta iniciativa, repartidas nos penais de Monterroso, Teixeiro, Pereiro de Aguiar, e os centros de inserción social da Coruña e Vigo.

En concreto, no centro ourensán 22 persoas privadas de liberdade están a participar na campaña “Cumprindo ilusións”, unha iniciativa pola que se preparan e arranxan xoguetes usados, que despois serán distribuídos por entidades de acción social entre as familias con poucos recursos. Esta actividade tamén se está desenvolvendo nas instalacións de Monterroso e Teixeiro.

Ademais, dentro deste programa de voluntariado, tamén se está colaborando coa Asociación Equus Zebra de axuda aos inmigrantes e coa asociación Xaruma, para a integración, rehabilitación e reforzo terapéutico para persoas con enfermidade mental.

Todos os participantes no programa realizaron un curso básico de voluntariado organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, que xa chegou a 250 persoas, das que 165 participaron directamente en diversas accións neste eido.

Mato lembrou, ademais, que todas estas actividades se inscriben no Rexistro de acción voluntaria de Galicia para que poidan ser certificadas e incorporadas aos currículos das persoas, tal e como contempla a Lei de acción voluntaria de 2011, impulsada por este Goberno e aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia.

Ao respecto, a conselleira fixo fincapé en que a “modernización e fomento” do sector voluntario é un dos campos nos que o Goberno galego leva traballando arreo desde o 2009. Proba deste compromiso, é a propia Lei de acción voluntaria, ou a posta en marcha do Plan galego de acción voluntaria 2011-2014, que terá continuidade cun documento que abranguerá desde o ano 2015 ata o 2018.

No que se refire ao marco orzamentario, o próximo ano reforzaranse as axudas a entidades locais e de acción voluntaria para proxectos enmarcados no Servizo de Voluntariado Xuvenil. En concreto, o orzamento desta orde aumentará nun 13,5 por cento, ata acadar o medio millón de euros.

Ademais, continuaranse desenvolvendo os distintos programas que se levan a cabo na Consellería como: o Pasaporte Solidario e a Rede de centros solidarios para os máis novos; ou o voluntariado dixital, ambiental, en bibliotecas, para persoas con alzheimer ou para acompañamento hospitalario.

Día Internacional do Voluntariado

“Galicia é unha sociedade eminentemente solidaria”, resaltou Mato, quen recordou que actualmente hai unhas 38.000 persoas inscritas no Rexistro de acción voluntaria.

“Eses pequenos esforzos, esas pequenas doses de solidariedade que nos regalan os voluntarios, son os que constrúen unha verdadeira sociedade do benestar. Poñen as bases dun crecemento sólido e solidario, e dunha sociedade máis xusta e madura”, reflexionou.

Xa para rematar, recordou que o próximo día 5 de decembro conmemórase o Día Internacional do Voluntariado, unha ocasión para agradecer aos voluntarios “o seu traballo e esforzo”.

1 de decembro de 2014 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.