publicidade hoxe

Un total de 36 profesionais de 10 países participan nun proxecto xuvenil europeo en Santiago e Curtis

Ovidio Rodeiro saudando aos participantes. Foto: A. Varela

Ovidio Rodeiro saudando aos participantes. Foto: A. Varela

Os concellos de Curtis e Santiago acollen ata o próximo 21 de decembro o proxecto xuvenil europeo “Abrindo horizontes cara o o traballo en rede e as TICs” no que participan 36 traballadores no eido da xuventude de 10 países: Italia, Hungría, Grecia, Lituania, Eslovaquia, Bulgaria, Malta, Polonia, Portugal e España.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, reuniuse hoxe en Santiago cos participantes nesta iniciativa, que é unha das 43 iniciativas aprobadas en Galicia neste ano no marco do programa europeo Erasmus+, que destinou a estas actividades 920.781 euros.

Este proxecto, en concreto, está liderado polo Concello de Curtis e reúne estes días en Galicia a responsables de proxectos europeos de doce entidades de dez países co obxectivo de compartir experiencias, coñecer metodoloxías de traballo e estudar boas prácticas na implementación de actividades trasnacionais xuvenís. En base a este obxectivo principal articúlase outros máis concretos: fomentar a utilización das TICs no ámbito da xuventude, achegar aos socios europeos a importancia das redes sociais na información xuvenil e as oportunidades de participación que canaliza e o traballo en rede.

Rodeiro destacou que “a participación neste proxecto de educación non formal facilitará aos 36 traballadores no ámbito da xuventude establecer unha rede de traballo a nivel europeo, que conforme un partenariado de calidade para a implementación de actividades dirixidas á xuventude, ao tempo que adquiren competencias, aptitudes e habilidades que axudarán aos seu desenvolvemento persoal e profesional”.

O programa europeo Erasmus + da Unión Europea para a educación, a formación, a mocidade e o deporte, con vixencia 2014-2020 ten entre os seus obxectivos específicos: mellorar o nivel de aptitudes e competencias dos mozos e mozas; promover a participación na vida democrática en Europa e no mercado de traballo; a cidadanía activa; o diálogo intercultural; a inclusión social e a solidariedade; posibilitar ás persoas que traballan no ámbito da xuventude e aos mozos e mozas maiores oportunidades de mobilidade por motivos de aprendizaxe; potenciar a dimensión internacional das actividades xuvenís e o papel dos traballadores e organizacións no eido da xuventude como estruturas de apoio aos mozos e mozas.

17 de decembro de 2014 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.