publicidade hoxe

Touro reparará os accesos de oito aldeas do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

O Concello de Touro reparará o interior e os accesos dun total de oito pequenos núcleos de poboación repartidos polo municipio. A maioría das actuacións consiste en reparar o firme do interior desas aldeas cunha capa de asfalto e tamén os seus accesos. O arranxo afecta aos seguintes núcleos de poboación: Vilanova (Loxo), aldea de Loxo, Campelo, Corneda, Dioño, Castelo, Abelenda e Foxás de Abaixo. Estas obras figuran no orzamento do Plan de Obras e Servizos (POS 2015) para o próximo exercicio que aprobou recentemente o pleno do Concello de Touro. O investimento total deste plan suma 164.000 euros. As obras executaranse a partir do próximo exercicio de 2015 e están incluídas no orzamento do Concello de Touro para o ano que vén.

O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, destaca que o primeiro semestre de 2014 foi moi chuvioso e o mal tempo foi xeneralizado, incidindo sobre algunhas infraestruturas viarias e sobre o interior e os accesos dalgunhas aldeas. “Isto provocou que entrase moita auga nos pequenos núcleos de poboación do Concello”. Por iso o POS de 2015 incide na reparación do interior dun total de oito aldeas así como das súas vías de comunicación. A maioría das actuacións radica na reparación do firme do interior dos núcleos e dos accesos.

Entre outras actuacións do POS 2015 tamén figuran a rehabilitación e reparación dun total de 300 metros dun tramo da senda peonil en Fonte Díaz, que conta cun ancho de dous metros. Os traballos consistirán na limpeza de cunetas e dotala dun firme de formigón. Esta obra ten un orzamento duns 14.000 euros.

O resto de actuacións do POS 2015 consisten na reparación da rede viaria, dontándoa na súa maioría dunha nova capa asfáltica. Entre ese proxecto está a infraestrutura viaria que leva até a cima de O Coto (Loxo), a cota máis alta do Concello de Touro, desde a localidade das Goritas. Son un total de 600 metros e o orzamento é de case 7.000 euros.

As demais actuacións sobre a rede viaria de Touro son: camiño de Barreiriña a Bugalleira, camiño da estrada da Deputación a Andeade, vía de Margaride ata o límite co Concello do Pino (Beseño), estrada en Agra de Calvos, estrada en Agra de Beseño, ampliación do camiño en Calvos de Arriba, camiño de O Castro a Mariana, estrada en Sanguiñedo e cuneta revestida en Andeade. Os orzamentos destas obras van desde os 12.000 ata os 2.500 euros. Na súa práctica totalidade inclúen o asfaltado ademais da reparación de cunetas. O Concello de Touro trata de manter ao día a súa rede viaria a través destes investimentos. Así consegue favorecer a mobilidade dos veciños e veciñas que habitan no municipio e impulsar tamén o seu desenvolvemento económico, baseado fundamentalmente no sector primario.

4 de decembro de 2014 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.