publicidade hoxe

Tarde de lecer e convivencia para os usuarios de teleasistencia domiciliaria de Mos, Porriño e Salceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMosO PorriñoSalceda de Caselas
A-
A+
Usuarios do servizo de teleasistencia

Usuarios do servizo de teleasistencia

A deputada provincial Marta Iglesias, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Servizos Sociais do Porriño, Mª Teresa Veloso, acompañaron onte pola tarde no Multiusos mosense a usuarios e usuarias de teleasistencia domiciliaria dos Concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas nunha xornada de convivencia organizada pola Deputación de Pontevedra. En total participaron nesta xornada de Mos 32 veciños  e veciñas dos tres municipios arriba mencionados. Como se dixo, o evento lúdico realizouse no Multiusos das Pozas en Petelos, coa asistencia da Deputada Provincial Marta Iglesias, e representantes municipais de Porriño e Mos.

Na actualidade 28 veciños de Mos, 13 de Salceda de Caselas e 9 do Porriño gozan do Servizo de Teleasistencia, financiado por a Deputación de Pontevedra e os seus respectivos Concellos.

Os participantes na xornada de convivencia celebrada onte pola tarde en Mos gozaron de actividades de animación (música, maxia…) e dunha merenda, antes de volver aos seus fogares.Os presentes asombráronse e riron gracias á actuación do “Mago Noel” para logo repoñer forzas merendando mentres continuaban a música e a animación.

Dende o programa de Teleasistencia Domiciliaria, que promove a Deputación de Pontevedra para os Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, neste exercicio 2014 estanse levando a cabo unha serie de liñas de actuación cos beneficiarios e familiares do programa, atendendo ás distintas comarcas.

A de Mos foi a VIII Xornada de Convivencia do servizo de teleasistencia destas xornadas de convivencia, iniciativa pioneira que se puxo en marcha o pasado mes de xuño, que se están a realizar en distintos puntos da provincia e nas o que se lle ofrece aos usuarios a posibilidade de pasar unha tarde de lecer, con actividades diversas e merenda, co obxectivo de que poidan contactar con outras persoas, intercambiar experiencias e romper a rutina.

Neste ano leváronse a cabo oito xornadas, en Sanxenxo, Tui, Agolada, Cuntis, A Cañiza, Mondariz, Bueu e Mos, cos veciños destes municipios e outros limítrofes.

O Servizo de Teleasistencia presta apoio a 400 persoas soas, que se senten así máis seguras no seu fogar. E para romper o illamento e a soidade, este ano púxose en marcha unha iniciativa pioneira, con xornadas de convivencia en diversos puntos da provincia.

Cando a soidade se suma aos problemas de saúde e á idade avanzada, resulta moitas veces difícil permanecer no fogar sentíndose seguro. O servizo de Teleasistencia facilita esta permanencia, ao garantirlle ás persoas de idade avanzada ou con problemas de saúde que viven soas unha atención continuada e a seguridade de que, ante calquera eventualidade, recibirán os coidados que precisan.

400 persoas de concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra contan na actualidade con este servizo que a Deputación financia en colaboración cos propios municipios.

Trátase na maior parte dos casos de persoas de idade avanzada que viven soas ou que pasan a maior parte do día en soidade, polo que dispoñer dun sistema que lles permite pedir axuda a calquera hora do día os 365 días do ano, con só pulsar un botón, lles dá seguridade e tranquilidade.

Todos eles saben que sempre terán alguén a quen acudir ante calquera emerxencia, pero non só iso, senón tamén cando se sintan sós e precisen alguén con quen falar.

252 emerxencias

De feito, a loita contra a soidade é un elemento central deste programa, que non só inclúe o desprazamento de recursos (061, bombeiros…) cando o usuario sofre algún accidente ou enfermidade, senón tamén visitas periódicas para paliar os sentimentos de ansiedade ou illamento e, desde este mesmo ano, unha actividade pioneira orientada a enriquecer a vida social das persoas atendidas.

No que respecta ás emerxencias atendidas, foron 252 no que vai de ano e a maioría delas estiveron motivadas por caídas ou problemas de saúde que requiriron a mobilización de recursos sanitarios.

Así mesmo, e ademais das conversas telefónicas que o persoal do servizo mantén a diario cos beneficiarios, realizáronse outras 339 visitas aos fogares para tratar de paliar sentimentos de soidade ou ansiedade.

12 de decembro de 2014 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.