publicidade hoxe

Suspéndese a busca dos dous tripulantes galegos do pesqueiro afundido ao Norte de San Sebastián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaSucesosViveiro
A-
A+
Europa Press

Salvamento Marítimo suspendeu a busca dos dous tripulantes galegos -un de Burela e outro de Viveiro- que non puideron ser rescatados no afundimento do pesqueiro ‘Safrán’, a 35 millas ao Norte de San Sebastián, este pasado sábado. Os outros catro tripulantes do buque foron localizados con vida polo pesqueiro ‘Os Merexos’.

Aínda que dende entón se mantivo un dispositivo marítimo e aéreo para localizar os dous tripulantes desaparecidos con medios de Salvamento Marítimo de España e Francia, finalmente, a primeira hora deste pasado luns, o centro galo Cross Etel, que coordinou a emerxencia, decidiu suspender o operativo.

De forma previa, segundo manifestaron fontes de Salvamento Marítimo, o avión ‘Sasemar 102’, con base en Santiago, sobrevoou a zona nun último intento por localizar os desaparecidos.

Na emerxencia tamén participaron helicópteros ‘Helimer 207’, con base en Santander, e ‘Helimer 213’ de Gijón, e o buque ‘María de Maeztu’, con base en Bilbao, que se sumaron ao dispositivo marítimo.

NAUFRAXIO

O ‘Safran’, con base no porto lucense de Celeiro (Viveiro), afundiuse na noite do sábado -entre as 22,00 e as 23,00 horas- a unhas 35 millas de San Sebastián. Salvamento Marítimo recibiu ás 23,14 horas a alerta da radiobaliza do pesqueiro.

No momento do afundimento, no buque había seis tripulantes. Destes, catro foron rescatados por un pesqueiro próximo, ‘Os Merexos’, que os trasladou ao porto de Santoña (Cantabria).

Os catro rescatados -o patrón e tres tripulantes- do ‘Safrán’ chegaron á localidade cántabra “ben” dende o punto de vista físico, pero “moi apesadumbrados e preocupados” polas “durísimas” circunstancias que viviron tras o afundimento da embarcación, na que ían outros dous tripulantes que están desaparecidos.

Tras declarar en Santoña saíron cara á Comunidade galega, xunto co dono do barco afundido e familiares e amigos que se desprazaran ata a vila cántabra para recibilos.

2 de decembro de 2014 | 11:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.