publicidade hoxe

Saen a licitación as obras da variante de Rebón na que se investirá 1 millón de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMorañaPontevedra
A-
A+

A Xunta de Goberno aprobou, na súa xuntanza desta mañá, o expediente de contratación, por procedemento aberto, das obras da variante de Rebón, na EP-0503, en Moraña, nas que se investirán 1.027.000 euros.

O orzamento de licitación dos traballos ascende a 827.841,12 euros, ós que hai que sumar o importe das expropiacións, xa que se trata dun trazado completamente novo que afecta a 68 parcelas, entre elas varias parras e peches de terreos.

Tal e como indicou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, os traballos permitirán, por unha banda, mellorar a seguridade viaria “nunha das estradas que dá acceso ó santuario dos Milagres de Amil” e, pola outra, “salvar dous elementos catalogados por Patrimonio e que están encima mesmo da estrada provincial”.

Trátase da capela e o pazo de San Roque, situados un a cada lado da estrada, o que, unido á presenza de numerosas vivendas a carón da vía,  facía imposible anchear a estrada co trazado actual.

O obxectivo é mellorar considerablemente esta estrada, que ten unha notable intensidade de tráfico e presenta un trazado moi sinuoso e bastante estreito, sen marxes nin beiravías para o tránsito peonil en boa parte do actual trazado.

Desta forma a súa modificación non só permitirá eliminar curvas (que quedarán reducidas a 3) e anchear considerablemente a calzada, senón que se crearán beiravías que permitirán o paso dos veciños e mellorarán a seguridade viaria.

O resultado final será unha estrada de 9 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros cada un e beiravías pavimentadas de 1 metro en ambas as marxes.

O novo trazado pasa sobre a canle dun regato, que se salvará coa construción dun viaduto de 15 metros de luz.

Mellora dunha curva en Amil

O presidente da Deputación anunciou tamén a próxima mellora dunha curva na estrada de acceso ós Milagres de Amil desde A Espedregueira. Esta vía xa fora mellorada pola Deputación por medio de acordos cos propietarios dos terreos afectados, pero quedaba unha curva onde non se acadara acordo, situada practicamente en fronte do santuario e que requirirá do traslado dun hórreo e un muro tradicional, así como dun alpendre.

Estes traballos representarán un investimento de 280.000 euros e permitirán eliminar este punto perigoso no contorno dun dos santuarios máis visitados da provincia.

5 de decembro de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.