publicidade hoxe

Pablo Rodríguez proclámase campeón de Galicia de ciclocrós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMaceda
A-
A+
Pablo Rodríguez tras proclamarse vencedor

Pablo Rodríguez tras proclamarse vencedor

O Campionato de Galicia de Ciclocrós respondeu de sobra á expectación creada ao longo do último mes. Uns campionatos de gran nivel celebrados en Maceda aos que o Club local quixo darlle un maior realce e non regateou en esforzos por preparar un percorrido vistoso e con toques de clase que se ven en moi poucas carreiras nacionais. Comezaba a fría mañá coa proba de cadetes na que Iván Feijóo (Maceda) non deixou lugar á disputa da súa supremacía a pesar de que Guillermo García (C.C. Marín) tamén presenta as súas credenciais, poñendo ambos os dous un toque de optimismo de cara aos nacionais. As féminas cadete tiveron en Sara Trigo (C.C. Salvaterra) como gañadora. En Júnior gañou Brais Sendín (E.C. Redondela) por diante do seu compañeiro de equipo Samuel Soto e do grande dominador da tempada Samuel González (C.C. Salvaterra) con quen se cebou a mala sorte, mesmo coa rotura do seu trofeo como terceiro clasificado. A competición de féminas nesta categoría fué para Desirée Duarte que se impuxo con diferenza a Irene Trabazo (C.C. Marín), mentres en féminas elite se impoñía con claridade Lucía Vázquez (Vicma) a María Jesús Barros (Spol) e Lorena Sanín (Cambre).

A carreira estrela da xornada, Elite-Sub 23 estivo na liña da tempada cunha igualdade inicial entre Mauro González, (Salvaterra), Adrián Valverde (Rias Baixas), Sául López (C.C. Maceda), Raúl Fernández (Ou Roseira) e Darío Otero (Compostelán). Pablo Rodríguez (MMR), que saía atrasado na parilla por non ter puntos no ranking, fué remontando ata tomar a iniciativa a media carreira para irse en solitario nas últimas voltas e deixando a loita polos outros postos do podio nunha bonita competición entre Fernández, Valverde e López que se resolveu no sprint en meta en favor de Valverde por diante do do Roseira.

As categorías de Máster estiveron comandadas por Alejandro Mesías (Quintena) en M-30, Juan José Saborido (Compostelán) en M-40 e Antonio González (Salvaterra) en M-50. Entre unhas probas e outras houbo unha carreira de promoción con Carlos Canal (C.C. Maceda) e Carla Fernández ( C.C. Vigués) entrando en primeiro lugar dun total de 15 e con 6 féminas infantís participantes.

Paralelamente ao Campionato de Galicia disputouse o Trofeo Castelo de Maceda no que José Antonio Hermida dió unha auténtica exhibición de poderío e converténdose nun dos centros de atención. Hermida deixou fiel reflexo do seu carisma e un grato recordo a participantes e ao numeroso público asistente. O acto de podio tivo unha emotiva homenaxe ao ciclista Vicente Alló, policia tiroteado no asalto a unha entidade bancaria en Vigo, e a quen a Federación Galega de Ciclismo entregou un maillot do Campionato asinado polos dez novos campións galegos e Hermida o de Campión do Mundo cunha dedicatoria persoal.

29 de decembro de 2014 | 12:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.