publicidade hoxe

‘Os sons do vento que pasa’ pecha a súa exitosa xira no marco do ‘Falaredes 2014’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúaBaiona
A-
A+

O concerto de fados ‘Os sons do vento que pasa’ despide esta semana a súa exitosa xira no marco do FalaRedes 2014, o programa de fomento do galego promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística co que chegou a 36 concellos de toda Galicia.

Unha das últimas oportunidades para gozar deste innovador espectáculo da compañía Elefante Elegante será mañá venres no municipio pontevedrés de Baiona, onde Gonçalo Guerreiro e Dani Pais deleitarán a veciñanza cun concerto ás 20:30 horas no Auditorio V Centenario. Xa o domingo, esta proposta musical do FalaRedes despedirase do público na vila coruñesa de Arzúa, que acollerá o concerto ás 18:00 horas na Casa da Cultura.

Será este o derradeiro concerto de  ‘Os sons do vento que pasa’, que na súa xira co FalaRedes 2014 visitou desde o pasado mes de xuño 36 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia dinamizando o galego entre o público de todas as idades.

Con esta proposta, o espectador mergulla a través da lingua propia de Galicia na música tradicional portuguesa, nun universo rítmico e melódico que viaxa do divertimento á nostalxia, do rock á canción de amor, do pop á música tradicional, sen deixar nunca de ser fado. Gonçalo Guerreiro pon a voz neste coidado espectáculo no que os acompañamentos musicais corren a cargo de Dani Pais.

“Brinca vai de aquí a acolá!“

Mentres que a proposta de Elefante Elegante conclúe o seu percorrido en exclusividade pola RDL, quen continúa de xira polos concellos da Rede é o concerto-obradoiro infantil “Brinca vai de aquí a acolá!”. Tras facer parada o luns na localidade coruñesa de Santa Comba, mañá venres a actividade conducida polo actor e músico Paco Nogueiras chega á cidade da Coruña, cun pase ás 18:30 horas no Centro Ágora.

Xa o sábado, esta divertida proposta fará as delicias da xente miúda do concello ourensán de Ramirás, ás 18:00 h no Centro Social e Cultural do Picouto, e o domingo ofrecerá un dobre pase na vila coruñesa de Bergondo pola mañá e na pontevedresa de Forcarei xa pola tarde. A cita no primeiro será ás 12:00 horas no Edificio A Senra, mentres que no segundo será ás 17:00 horas no Centro Social da localidade. Coma sempre en FalaRedes, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Coas actuacións desta semana o Brinca vai de aquí a acolá! tamén entra na recta final da súa xira no marco do FalaRedes, que desde novembro a levou a 26 concellos da Rede de Dinamización Lingüística e que pechará o próximo día 20 no concello pontevedrés de Barro.

FalaRedes 2014

Con esta sexta proposta de lecer na nosa lingua Cultura e Educación pechará a edición 2014 do FalaRedes, que ata finais de ano chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de seis actividades con preto de 200 sesións gratuítas. Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

11 de decembro de 2014 | 11:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.