publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os sindicatos reclaman a Urbaser que negocie novos convenios colectivos en cinco concellos pontevedreses

Europa Press

Os delegados sindicais de CC.OO., UGT e CUT en Urbaser reclamaron a empresa que negocie novos convenios colectivos en cinco concellos de Pontevedra cuxo convenio vence este fin de ano ou, pola contra, alertaron da “situación de conflito” que se pode xerar.

Segundo informaron, o 31 de decembro de 2014 remata a vixencia dos convenios colectivos da empresa Urbaser nos concellos de Marín, Vilaboa, Ponte Caldelas, Redondela e Soutomaior.

Os sindicatos solicitaron o pasado 18 de novembro á empresa as constitucións das distintas comisións negociadoras nos municipios para articular un novo convenio, ao que obtiveron unha resposta negativa por parte de Urbaser.

Tal e como explicaron os representantes sindicais, esta negativa “supón un incumprimento no establecido no Estatuto dos traballadores en materia de negociación colectiva”. O estatuto contempla un mes de prazo para iniciar o proceso negociador dende que o solicita unha das partes, neste caso os traballadores.

“Solicitamos a reunión de boa fe, como un labor preventivo para evitar o mes de maio,” explicou o voceiro de Comisións Obreiras, Eusebio Justo, en referencia ás eleccións municipais, pero parece que á empresa lle interesa esa coincidencia”.

Dende o comité de empresa xa se puxeron en contacto cos alcaldes dos concellos afectados para informar das “dificultades” que está a poñer Urbaser e da “posible situación de conflito que se pode xerar”. Ademais, os sindicatos trasladaron á Consellería de Traballo esta situación.

En total 40 persoas traballan para Urbaser nestes concellos. Entre as súas reivindicacións para o novo convenio está unha suba salarial. “Cremos que é o momento de reclamar o que é xusto”, sinalou Alberto Covelo, de CUT.

De feito, os representantes dos traballadores cualificaron como “miserables” os soldos que están a percibir, duns 840 euros de media.

26 de decembro de 2014 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.