publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os peritos aseguran que un obreiro falecido en Xinzo en 2009 non dispoñía de arnés nin da rede obrigatoria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaSucesosXinzo de Limia
A-
A+
Europa Press

As probas periciais determinaron que un obreiro falecido no ano 2009 tras sufrir un accidente mentres encofraba unha obra na localidade ourensana de Xinzo de Limia non tiña posto o arnés de seguridade, así como que a obra non dispoñía da rede obrigatoria.

Así o sinalaron este xoves as técnicos do servizo de Inspección Laboral que declararon en calidade de peritos na vista que se segue no Xulgado do Penal número 2 de Ourense por homicidio imprudente e delito contra os dereitos dos traballadores polo falecemento dun obreiro nesta localidade ourensana en 2009.

Os acusados son o propietario de Construcións Conde Cid, de Xinzo de Limia, e o aparellador Juan F., que elaborou e asinou o seu plan de medidas de seguridade e prevención de riscos laborais. Os dous homes enfróntanse a senllas penas dun ano e medio de prisión e dous anos e un mes de cárcere, respectivamente, pedidas pola fiscal.

O primeiro en declarar foi o aparellador, que respondeu ás preguntas de todas as partes sobre o accidente laboral acontecido o día 21 de decembro de 2009, durante os labores de encofrado dunha vivenda, nun día chuvioso e con moito vento, segundo explicaron todas as testemuñas.

Segundo o arquitecto técnico, o seu labor de coordinación das medidas de seguridade das diferentes empresas que traballan nunha obra, non implicaba estar alí cada día, polo que realizaba visitas dous ou tres veces á semana. Ademais, contaba cun “recurso preventivo”, a filla do construtor, que aparecía referenciada no propio plan de seguridade e que debía facer cumprir as medidas.

O profesional indicou que a obra estaba vallada e que tiña varandas nos ocos destinados a ascensor e escaleiras, cascos, arnéses e unha corda de vida para enganchar arnéses. Segundo explicou, ningún traballador se lle queixou “nunca” de non ter o seu equipo de protección individual ou a formación necesaria para usalo.

CON CHUVIA NON SE TRABALLA

Na súa declaración, o aparellador indicou que no seu plan de seguridade se especificaba a imposibilidade de facer traballos de encofrado en días de chuvia, algo que sucedía o día do accidente.

Así, deu a entender que non podía impedir que a empresa non cumprise o plan de seguridade, a pesar de que admitiu que el tiña capacidade para paralizar a obra se detectaba ese incumprimento e non o fixo.

Pola súa banda, o empresario respondeu só a preguntas do seu avogado e explicou que, nos 40 anos que leva traballando na construción, “nunca antes” tivera un accidente dun traballador ao seu cargo. O falecido estaba na súa empresa como oficial de primeira dende 1997 e “era moi prudente”.

ARNÉS DE SEGURIDADE

A primeira perito que declarou, inspectora de traballo, foi a encargada de acudir á obra tras o accidente e, segundo explicou ao tribunal, todos os traballadores levaban posto o traxe de auga. “Dixéronme esa mesma noite e ao día seguinte, ao volver falar con eles, que con ese traxe o cinto de seguridade do arnés é moi incómodo, así que non puxeron o cinto”, detallou. A maiores, agregou que o plan de seguridade da empresa especificaba que en día de chuvia se tería que paralizar a obra, algo que non se cumpriu o día do accidente.

As dúas inspectoras que declararon como peritos coincidiron en afirmar que, segundo os traballadores que entrevistaron tras o accidente, a empresa contaba cos equipos de protección individual, pero non os levaban postos. “Non é que o falecido, en concreto, non usase o arnés, senón que non levaba posto nin o cinto de seguridade para enganchalo”, subliñou unha das peritos.

Segundo a autora do informe sobre o accidente, a morte aconteceu “porque non había medidas de protección individual, que tiñan pero non usaban, e tampouco existían as de protección colectiva que son as que deben primar, como a colocación dunha rede”.

NON HOUBO CONFORMIDADE

A vista deste xoves concluíu coas declaracións dun gruísta da empresa e a do fillo do empresario, tamén compañeiro do falecido en 2009, que afirmou descoñecer o plan de seguridade e que o encargado das medidas de protección era o seu pai.

O xuízo tiña previsto o seu inicio ás 10,00 horas, pero fiscal, acusados, compañía aseguradora do aparellador e familia do falecido negociaron durante máis dunha hora unha posible conformidade con penas reducidas propostas polo fiscal, a cambio de que os acusados recoñecesen a súa responsabilidade e aceptasen, ademais, o pagamento da indemnización de 140.000 euros.

Entre as partes tamén figura a compañía aseguradora do aparellador, Mussat, aínda que non a da empresa construtora, AXA, pois o empresario non estaba ao día no pagamento da súa póliza.

Entre as cuestións previas, o avogado do empresario pediu a suspensión do xuízo para poder achegar o testemuño dun novo perito. Aínda que o xuízo non se suspendeu, a xuíza aceptou tomarlle declaración nunha segunda sesión fixada para o venres día 19 de decembro ás 10,00 horas.

A acusación particular reclama, ademais das penas de prisión, unha multa de 2.880 euros para o empresario e de 4.500 euros para o aparellador, ademais dunha indemnización de 200.000 euros para a viúva, fillos e nai do operario falecido.

11 de decembro de 2014 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.