publicidade hoxe

Os clientes de Noia histórica escollen o seu comercio favorito con Máis que comercio!

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNoia
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe xunto con responsables do centro comercial aberto Noia Histórica a campaña de dinamización Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolverá durante todo o mes de decembro e que busca impulsar as vendas do comercio de proximidade premiando a confianza dos seus clientes.

As persoas que merquen nos comercios asociados ao CCA recibirán durante todo o mes un cupón por cada 5 euros de compra, o que lles permitirá participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com. Nesta páxina, votando ao seu establecemento favorito, poderán optar a unha tarxeta regalo de 200 euros e dúas de 100 para mercar no comercio local, así como a diferentes agasallos achegados polos comerciantes, como vales de compra e vales desconto, ceas ou xoguetes. Ao remate do mes, o establecemento seleccionado polos clientes que participen na iniciativa recibirá un recoñecemento público ao seu labor.

A iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que Comercio! percorre os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, co obxectivo de resaltar os valores do comercio de proximidade como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade.

Ao mesmo tempo, tal e como sinalou a directora xeral de Comercio, destácase o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.

Sol Vázquez lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA de Noia resultou beneficiado con apoios por 40.000 euros.

2 de decembro de 2014 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.