publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os Bolechas propoñen unha Caravana Solidaria para este Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoBaionaGaliciaLocal PortadaPorto do SonVilalba
A-
A+
Presentación da Caravana Solidaria

Presentación da Caravana Solidaria

Os Bolechas realizarán este Nadal unha xira solidaria que os levará ata catro vilas galegas entre os días 23 e 29 de decembro. A Caravana Solidaria dos Bolechas, que está patrocinada pola TVG e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, iniciará ruta o día 23 en Arteixo, o 27 estará en Baiona, o día 28 fará parada en Porto do Son e rematará o día 29 de decembro en Vilalba. En todas as vilas a Caravana estará de 12.00 a 14.00 h e de 16.00 a 21.00 h.

Todas as actividades serán abertas ao público, libres e totalmente gratuítas, aínda que a xira será máis curta do habitual debido ao desembarco dos Bolechas en Portugal a principios de xaneiro. Aínda así, haberá opción de ver os populares personaxes o día 5 de xaneiro nas Cabalgatas de Reis, entre outras na de Vigo, tal como recordou a directora xerente da TVG.

A Caravana de Nadal dos Bolechas está composta polo colorido R4, unha carpa onde se poderán adquirir todos os produtos dos Bolechas e o espectacular autobús de dúas plantas, onde os pequenos seguidores desta familia poderán gozar de multitude de actividades. No primeiro andar o autobús conta cunha ludoteca con todo tipo de xogos para divertirse e aprender ao máis puro estilo “Bolechas”, así como material para manualidades, libros e ordenadores. A segunda planta conta cunha sala de cine dotada con todo o necesario para ver Os Bolechas. Ademais realizaranse talleres de debuxo e diversas iniciativas relacionadas coas artes plásticas.

Novos Bolechas corpóreos

Por suposto, non faltarán Os Bolechas corpóreos, os enormes bonecos que causan sensación por onde van. Pero ademais “haberá sorpresa”, segundo anunciou na presentación Antonio Couto de Edicións Bolanda, porque a Caravana de Nadal “estreará novos bonecos, entre os que se atoparán os corpóreos de Tatá e Chispa, que ata o de agora non contaban con entidade propia”. Ambos os dous irán nun novo vehículo, “nada menos que un coche de bombeiros que fará as delicias dos pequenos fans dos Bolechas”.

Na presentación da Caravana de Nadal xa se puido ver a Chispa e a Carlos no novo coche. A produtora asegura que será “unha das grandes atraccións desta xira, máis curta do habitual polo desembarco en Portugal a principios de xaneiro”. A directora xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, destacou o feito de que Os Bolechas da TVG “dean o salto á televisión pública de Portugal e a toda a lusofonía de África” e recordou que xa se están emitindo en oito comunidades españolas cun grande éxito. Vilas asegurou que é “un éxito de Bolanda” que agora recolle os froitos do “tesón, o sacrificio e a pasión que puxeron desde o primeiro día neste proxecto”.

Tamén o secretario xeral de Política Língüística, Valentín García, destacou o feito de que Os Bolechas dean o salto á lusofonía, pero explicou que o máis imporptac. tante para o seu departamento é o que estes personaxes “teñen feito xa pola implantación do galego nas idades temperás”, un obxectivo máis presente que nunca “como vén de indicar o informe do Instituto Galego de Estatística coñecido nestes días”.

Pulseiras solidarias

A Caravana de Nadal incluirá unha carpa na que se poderán adquirir diversos produtos dos Bolechas, desde libros –entre eles dous novos títulos que chegarán ás librarías esta mesma semana– ata a Biblioteca Básica ou unhas pulseiras solidarias exclusivas para esta Caravana de Nadal. En total son sete pulseiras, unha de cada irmán mais outra de Chispa, que se poderán mercar ao prezo de dous euros cada unha ou 10 euros as sete.

Arela traballa con nenos, nenas e adolescentes que viven situacións de desprotección familiar, aos que intentan reintegrar de novo –e con garantías– nas súas familias ou procurarlles novos fogares de acollida ou adopción. Tamén traballan para evitar a reincidencia dos que cometeron algún delicto con diversos programas de sensibilización e prevención. A crise ecónomica e o aumento das necesidades sociais fan máis necesaria que nunca a axuda a estas organizacións, de aí o apoio dos Bolechas con esta iniciativa das pulseiras solidarias, que se suma á colaboración que xa mantiveran coa edición do disco Os Bolechas fan unha banda. na que unha porcentaxe das vendas vai tamén para Arela.

11 de decembro de 2014 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.