publicidade hoxe

O transporte metropolitano da Coruña integrará Carballo, Curtis e Ordes no vindeiro ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCarballoCurtisLocal PortadaOrdes
A-
A+

A área do Plan de Transporte Metropolitano da Coruña integrará o vindeiro ano os concellos de Carballo, Curtis e Ordes, o que suporá incrementar nun 10% a poboación beneficiaria. Así se deu a coñecer hoxe durante a comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da Coruña, onde a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, salientou que con estas adhesións avanzarase cara ao obxectivo de duplicar o número de concellos e poboación beneficiada por este sistema de transporte público.

Helena de Lucas, acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presidiu esta tarde a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da área de Coruña, na que se analizou a situación e contido dos convenios de colaboración aos que vanse adherir tres novos concellos o ano próximo.

Deste xeito, case 50.000 novos usuarios destes tres municipios sumaranse a esta área constituída na actualidade por 13 concellos (A Coruña, Arteixo, A Laracha, Carral, Cerceda, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada, Bergondo, Betanzos, Abegondo, e Oza-Cesuras) e cuxos beneficiarios superará os 580.000 habitantes.

O PTM (Plan de transporte metropolitano) implica unha serie de beneficios para os cidadáns, que se traducen nun aforro medio anual para un usuario frecuente do transporte público de entre 300 ata 1.200 euros, dependendo da orixe e destino dos seus desprazamentos.

Apostar por unha iniciativa de éxito
Helena de Lucas salientou o esforzo que a Xunta, en colaboración cos concellos, realiza para o mantemento e aposta por esta iniciativa de mobilidade e que queda demostrado nos orzamentos da Xunta para 2015, xa que incrementan en máis dun 42% a partida para o transporte metropolitano, respecto de 2014.

Os retos que se marca o departamento dirixido por Ethel Vázquez son a implantación na área de Vigo, Ourense e Pontevedra, e incrementar o número de concellos das áreas nas que xa funciona (Ferrol, A Coruña, Santiago e Lugo).

Segundo as previsións que manexa a Dirección Xeral de Mobilidade, no caso concreto da área da Coruña dende 2011 (ano no que o PTM está activo nas catro áreas) ata o ano 2015 realizaranse un total de 29 millóns de etapas, das cales case 4 millóns son transbordos bonificados ao 100% pola Xunta. Esta aposta tradúcese nun investimento de16,68 millóns de euros, dos cales a Administración autonómica asume un 86%, correspondente ao 80% da bonificación de cada etapa, o 100% dos transbordos e o 100% da bonificación por recorrencia.

Outro dos puntos abordados na reunión, foi a celebración no mes de marzo dunha Comisión de Seguimento extraordinaria, na que se analizará a prórroga anual prevista no texto do convenio, que rexe na actualidade, e que finaliza en 2015. A Dirección Xeral de Mobilidade traballa na actualidade na documentación técnica e administrativa para remitirlle a cada un dos concellos que integran esta área, co obxectivo de que a analicen e poidan realizar aquelas propostas e iniciativas que redunden nunha mellora desta iniciativa de transporte público na área metropolitana da Coruña.

17 de decembro de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.