publicidade hoxe

O programa de iluminación pública exterior do Inega logra aforros de 20.000 euros anuais en Moraña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoraña
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria, no importante labor de colaboración que desenvolve cada ano coas administracións locais, ten impulsado en Moraña, nos dous últimos anos, distintas actuacións no contexto da liña de axudas para a renovación da iluminación pública exterior. Así, a través deste programa, o municipio pontevedrés está a obter un aforro enerxético anual de case 100.000 kWh/ano, o que se traduce nunha diminución do custo da factura eléctrica próxima aos 20.000 euros.

“A través deste programa contribuímos ao aforro enerxético de Moraña nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Bernardo Tahoces. Así mesmo, resaltou, o conxunto das novas instalacións supoñen unha redución das emisións á atmosfera de preto de 65 toneladas de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de 3.175 árbores.

A actuación desenvolvida en Moraña intégrase, este ano, nun proxecto de agrupación municipal no que participaron tamén Campo Lameiro, Cerdedo e Cotobade, e que está permitindo xerar aforros económicos de ata un 60% nas zonas beneficiadas. Deste xeito, subliñou Bernardo Tahoces, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

O director xeral de Enerxía lembrou que a Xunta de Galicia, co fin de impulsar este tipo de medidas de aforro e eficiencia enerxética, destinou este ano máis de 4 millóns de euros a este programa de iluminación exterior. Unha liña que, segundo explicou, promoveu máis de 70 proxectos en máis de 40 municipios da provincia de Pontevedra desde o ano 2009, contribuíndo ao aforro enerxético municipal e á redución das emisións de CO2.

Ditas actuacións, explicou Bernardo Tahoces, están a xerar un aforro económico de máis de 800.000 euros nestes concellos, evitando á emisión a atmosfera de 2.380 toneladas de CO2 ao ano.

26 de decembro de 2014 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.