publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O clúster da lousa de Galicia promociona en dez comunidades a utilización da lousa na construción de cubertas

O Clúster da Lousa de Galicia está a presentar, en colexios de Arquitectos e de Aparelladores dun total de dez comunidades autónomas (Cataluña, País Vasco, Navarra, Aragón, Cantabria, Madrid, Castela e León, Andalucía, Asturias e Galicia), o manual “Deseño e Construción de Cubertas de Lousa. Guía práctica para o desenvolvemento dos Proxectos de Arquitectura”, editado co apoio da Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia.

O obxectivo desta publicación, escrita por Fernando López González-Mesóns, Enxeñeiro de Minas, profesor da Universidade Politécnica de Madrid e un dos principais expertos nacionais en lousa e pedra natural, é o de promocionar a utilización da lousa e proporcionar aos profesionais do sector unha ferramenta crave, tanto nas posibilidades de deseño de cubertas con este material, como nos aspectos regulamentarios e normativos, profundando ademais en asuntos como a colocación da lousa en cubertas, como realizar correctamente o seu illamento, o mantemento da cuberta, o control de calidade da obra, etc.

Durante estas sesións, ás que ata agora asistiron preto de 400 arquitectos e aparelladores de toda España, o Clúster da Lousa de Galicia está a recomendar aos asistentes que adquiran lousa de compresión tectónica non carbonatada, que teña etiqueta DAP, que conte co marcado CE, que o material pertenza a firmas integradas no Clúster da Lousa de Galicia, a Asociación Galega de Pizarristas ou na Federación Nacional da Lousa; e que se utilice como referencia a Norma UE 22190 Construción de cubertas inclinadas e revestimentos verticais con lousa. Ademais, insístese na importancia de que a colocación da lousa en cubertas sexa realizada por profesionais cualificados, co obxectivo de asegurar o seu correcto comportamento ante os axentes externos e garantir a súa durabilidade.

A guía está a promocionarse, ademais,entre os máis de 35.000 membros de todos estes Colexios de Arquitectos e Aparelladores través de mailings e nas súas páxinas web. Ademais, a nova Guía pódese descargar gratuitamente a través do portal do Clúster da Lousa de Galicia.

O sector da lousa en cifras

A comunidade galega é a responsable do 55% da produción nacional de lousa. En Galicia, o sector emprega de forma directa a 2.600 traballadores e a 11.000 de forma indirecta.

O uso máis frecuente deste material é para cubertas, no que España é unha potencia mundial, acaparando o 85% da produción mundial, que supoñen 500.000 toneladas, das cales o 55% procede de Galicia. No entanto, existe un mercado crecente que demanda lousa para outros usos, como a fabricación de baldosas para solados e revestimentos, sobre todo de lousa verde ou manchada, dúas variedades frecuentes en Galicia con múltiples aplicacións na arquitectura.

O sector da lousa é eminentemente exportador. De feito, máis do 95% da produción nacional comercialízase noutros países.En 2013, exportáronse un total de 445.699 toneladas, cun valor de 236 millóns de euros.

4 de decembro de 2014 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.