publicidade hoxe

O claustro barroco do Mosteiro de Celanova acolle a mostra itinerante sobre os centros etnográficos da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaOurense
A-
A+
Mostra sobre mosteiros da provincia de Ourense

Mostra sobre mosteiros da provincia de Ourense

A exposición que sobre os centros etnográficos que se reparten por toda a provincia de Ourense, foi deseñada a xeito de homenaxe a todos eles por parte da romaría etnográfica Raigame que se celebrou, como tódolos anos, o día 17 de maio en Vilanova dos Infantes, e que agora está itinerando por toda a provincia, achégase de novo a Celanova, neste caso ás paredes do Claustro Barroco do Mosteiro, onde estará colgada ata o remate do ano, que seguirá o seu periplo pola xeografía ourensá.

A mostra está composta por 20 lonas de gran formato que recolle información puntual e específica doutros tantos centros etnográficos parques, exposicións permanentes e museos etnográficos espallados por todo o territorio e de moi diversa índole. Algún ten o recoñecemento oficial de museo, pero a grande maioría son iniciativas particulares de persoas ou entidades que sen contar con ese recoñecemento, tamén contribúen a conservar e difundir algún aspecto da cultura tradicional da súa comarca.

En todos estes centros a actividade que se desenvolve e as actividades que divulgan adoitan seren oficios tradicionais en perigo de extinción ou xa desaparecidos, o traballo do campo, o traballo co gando e a súa ferramenta, formas de vida que a pesares de pareceren doutra era, mantivéronse entre nós até hai só corenta anos ou menos, a casa e o seu mobiliario, o medio no que os nosos avós desenrolaron a súa vida, etc, todos estes aspectos son os que podemos apreciar visitando todos estes centros.

A súa distribución por todo o mapa provincial, permite ao interesado programar distintas rutas pola provincia para realizar visitas compaxinando diferentes aspectos culturais. A natureza, a arquitectura popular rural, a gastronomía, rutas de sendeirismo, son actividades que complementan a oferta etnográfica. Comezando en Ribadavia, podemos visitar o Museo Etnolóxico, situado nun edi$ cio do casco histórico da capital do Ribeiro, o Pazo de Baamonde, posibelmente do S. XVI. Conta con seccións dedicadas á etnografía, á fotografía, á cerámica e a actividades textís. Tamén hai que destacar o seu arquivo oral e audiovisual, así como os seus fondos documentais, cunha importante biblioteca especializada en antropoloxía e historia.

Nos últimos anos, o museo adquiriu unha inxente cantidade de fotografías, relativas á vida e historia da comarca do Ribeiro, cun altísimo interese etnográfico e histórico.

Desprazándonos cara a Ribeira Sacra, encontramos en S. Pedro de Rocas (Esgos) un pequeno centro etnográfico dedicado aos oficios tradicionais, o viño, lendas e contos. Uns cantos quilómetros máis adiante chegamos a Niñodaguia, no concello de Xunqueira de Espadañedo, o único centro oleiro que permanece activo na provincia de Ourense. Conta cun pequeno espazo expositivo con mostras da olería de Niñodaguia e unha pequena colección de pezas de Tioira (xa desaparecida).

Ademais, consérvanse os fornos comunais e tamén conta con tendas-obradoiros, onde se pode ver in situ a fabricación da olería de Niñodaguia. Desviándonos cara o sur, chegamos ao Santuario dos Milagres, onde atopamos o Museo dos Devanceiros, etnográfico, sacro e científico. No aspecto etnográfico ten dúas partes diferenciadas: unha é a casa, cunha representación dunha antiga cociña e o cuarto de durmir; a outra é referente aos oficios e o traballo do campo cunha ampla colección de ferramentas.

No corazón mesmo da Ribeira Sacra, en Parada do Sil, existiu até os anos oitenta unha fábrica de chocolate. Hoxe, o concello restaurouna para crear o Centro de Interpretación no que se pode apreciar o proceso artesanal que se lle aplica ao cacao até chegar a se converter en onzas de chocolate. Tostadora, muíños, moldes, envoltorios e outros obxectos relacionados coa antiga fábrica, vconforman o corpo expositivo.

No macizo central ourensán atopamos outra serie de centros etnográficos. En Castro Caldelas, concretamente no castelo, podemos admirar unha colección de pezas cedidas polos veciños da comarca, agrupadas en tres seccións: a casa, os labores da casa e o campo e os o% cios. Conta cunha última parte con pezas varias como muíños, canalizacións de pedra, cerámica …

A poucos quilómetros, en Celeirós, podemos visitar o Centro da Identidade de Chandrexa de Queixa, un centro de interpretación que pretende ofrecer ao visitante unha visión global dos valores etnográficos e culturais dos habitantes da comarca. O centro conta con catro espazos: o home fronte ao mundo; o home sobre o mundo; o home transformando o mundo e o home intrepretando o mundo.

Na aldea de Arboiro, no concello de S. Xoan de Río, está a Casa das Rodas. É un espazo dedicado ao afiador e o seu mundo. Unha pequena mostra da inmensa colección de rodas de a% ar, bicicletas, motos e demais aparellos que o artista Florencio de Arboiro foi adquirindo e restaurando.

Continuando o camiño chegamos a Trives que conta cun pequeno museo da Escola e da Infancia situado no antigo colexio Santa Leonor, onde se fai un percorrido polo mundo do mestre rural de finais do S. XIX a mediados do XX.

Na zona oriental da provincia existe cunha serie de pequenos museos e centros etnográficos que reúnen material referente á vida cotiá dos habitantes da alta montaña. En Vilariño de Conso, nun amplo espazo da Casa do Concello atopamos a reprodución dunha casa de hai cen anos, coa lareira e o cuarto, a adega, o carro, o tear, etc. En Viana do Bolo, na Torre da Homenaxe, temos unha representación da cultura popular da zona. A primeira planta está dedicada á arquitectura popular, a casa e a vida doméstica. A segunda ás técnicas agrícolas e gandeiras e a terceira planta á artesanía e os oficios tradicionais. Dende a parte superior pódese observar unha impresionante panorámica da vila e o seu entorno.

E no veciño concello de A Veiga contan cun parque etnográfico distribuído en difrentes aldeas, algunhas delas comunicadas por rutas de senderismo: en Corzos contan co muíño e a forxa; en Mexide co Tear da Camila; na Edreira outro muíño e a ponte das Lastras; en Vilaboa o Tear da Hermida; en Requeixo o Museo do liño; en Espiño o forno e en Xares outro muíño.

No concello de Riós crearon o Centro de Interpretación da Castaña, onde podemos descubrir a importancia deste humilde froito para a xente desta comarca ourensá e como se traballaron os soutos ao longo da historia e o seu futuro.

Antes de chegar á Limia temos que parar en Allariz para visitar o Parque Etnográ$ co do Río Arnioa, composto polo Muíño do Burato, o Museo do Tecido e Museo do Coiro, este instalado na antiga fábrica de curtidos da familia Nogueiras e que conta na planta baixa cos pilos, a ferramenta empregada no traballo e uns paneis informativos que axudan a comprender o proceso produtivo da curtición. Na parte superior habilitouse un espazo para crear un obradoiro onde un artesán fai desmostracións e cursos. Recentemente tamén crearon o Museo da Moda con tres plantas: a baixa dedicada á recepción e tenda, a primeira á historia do sector téxtil alaricano do S. XVIII ao XX e a segunda unha sección interactiva onde se pode probar roupa, deseñar, etc.

En Sandiás atopamos a Casa da Lagoa, un centro de interpretación da agora desecada lagoa de Antela, con información sobre a fauna, a ‘ ora e a relación entre os habitantes da Limia e este excepcional ecosistema. E lindando con este concello está o de Vilar de Santos que xestiona un interesante museo sobre o liño e o tecido tradicional.

Na Baixa Limia, concretamente en Entrimo, veñen de crear recentemente o Centro Etnográfico da Terrachán. Está composto por unhas trescentas pezas, doadas polos veciños do concello e que conforman unha exposición permanente sobre o mundo rural, o traballo no campo, a casa e os oficios da comarca.

Deixamos para o final o Centro de Interpretación dos Zapateiros de Vilanova dos Infantes, situado na Adega do San Vivián, a onde se chega despois de dar un paseo pola urbe medieval admirando a arquitectura popular, plagada de casas blasonadas e presidida pola Torre da Homenxe e restos da muralla. O centro honra o principal oficio da xente de Vilanova, o de zapateiro, onde a través das ferramentas cedidas polos veciños, mostras de calzado e uns paneis informativos, facemos un percorrido pola historia da vila e dos seus habitantes.

15 de decembro de 2014 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.