publicidade hoxe

O BOP publica o PXOM de Ribadeo aforrando 12.700 euros co formato dixital

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRibadeo
A-
A+

A Deputación de Lugo vén de publicar hoxe, no número 297 do Boletín Oficial da Provincia, o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ribadeo, que xa pode ser consultado a través da web www.deputacionlugo.gal. Ademais de facilitar o acceso ao documento dende calquera punto da provincia, a publicación dixital desta norma urbanística supón para a Deputación un importante aforro, xa que o custe do Boletín en papel era de 36 euros por páxina. Así pois, no caso concreto do PXOM ribadense, o aforro real é de 12.672 euros, ao constar este de 352 páxinas.

Este PXOM, organizado nun só tomo, supón un arquivo de 101 megas de tamaño e a súa elaboración dixitalizada permitiu simplificar o volume de información e dos trámites administrativos necesarios para a súa necesaria publicación, logo de ser aprobado no Pleno municipal. O Plan de Ordenación Municipal contén fins e obxetivos do Plan Xeral de Ordenación Municipal, un estudo do medio rural; unha análise do modelo de asentamento poboacional; os respectivos planos de ordenación urbanística; estudo económico; informe de sustentabilidade ambiental e informe de sustentabilidade económica.

O de Lugo, o 1º PXOM dixital

O BOP electrónico (E-BOP) foi implantado grazas ao programa tecnolóxico InnovaTE, cofinanciado ao 70% por fondos europeos, e permitiu a substitución da publicación en papel -a máis veterana da provincia, ao datar de 1835-, polo soporte dixital en xaneiro de 2011.

O publicación en soporte dixital do PXOM do Concello de Lugo, o 14 de febreiro de 2012, marcou un fito histórico, xa que ata ese momento só se publicaran normas auxiliares de distintos Plans de Ordenación, que ocupaban unha media de 20 páxinas e un peso de 20 megas. Pola contra, o PXOM lugués sumaba 3.033 páxinas, organizadas en 8 tomos para facilitar a súa consulta, e tiña un peso de 517,167 megas. A súa publicación electrónica permitiu un aforro ás arcas provinciais de 110.000 euros.

A implantación do E-BOP en 2011 supuxo tamén o paso ao soporte dixital de Boletíns anteriores a esta data. Deste xeito, outros PXOM de Concellos da provincia, que foran aprobados con anterioridade, puideron ser consultados dende ese momento no arquivo do Boletín, na web www.deputacionlugo.gal. Este foi o caso dos PXOM de O Incio, Paradela, Castroverde, Rábade, Ribas de Sil, Pedrafita do Cebreiro e Sober.

29 de decembro de 2014 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.