publicidade hoxe

Megaxove regresa a Expourense durante a ponte da Constitución

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurenseXuventude
A-
A+
Rogelio Martínez na presentación de Megaxove

Rogelio Martínez na presentación de Megaxove

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da décimo quinta edición de Megaxove, Salón da Xuventude que, dende o 5 ata o 8 de decembro, ofrecerá máis de 100 actividades de lecer e deportivas e converterá a Expourense no punto de encontro da mocidade galega durante a ponte festiva da Constitución e onde miles de rapaces e rapazas participarán de forma activa.

Expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade cos máis desfavorecidos, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ao Medio Ambiente. “Valores, todos eles, que dende a Xunta de Galicia non podemos deixar de apoiar e estimular e, por iso, un ano máis, tanto a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado como a Secretaría xeral para o Deporte súmanse a este proxecto como colaboradores” asegurou Rogelio Martínez. Así estes departamentos autonómicos promoven a exposición “Educación, Deporte e Valores”.

O delegado territorial salientou o carácter interxeracional do salón, no que pais e avós acompañan e comparten actividades cos máis pequenos.

Rogelio Martínez referiuse, na súa intervención, á conmemoración do Día Internacional do Voluntariado que se celebra o xoves que vén, día 5 de decembro. Aludiu ás máis de 850 asociacións que integran a Rede de Voluntariado Galego e asegurou que Megaxove é “o mellor escaparate para dar a coñecer as actividades relacionadas co lecer, a cultura ou o deporte que organizan durante o ano as distintas asociacións e clubs sen ánimo de lucro nas que están implicados miles de voluntarios e voluntarias de todo Galicia”.

3 de decembro de 2014 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.