publicidade hoxe

Medio Ambiente investirá 321.600 euros na clausura dun vertedoiro de residuos da construción en Xove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaXove
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia aproba o acordo de colaboración técnica e financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co Concello de Xove para a clausura dun vertedoiro de residuos da construción.

A Xunta de Galicia inviste 321.641,47 euros neste proxecto de clausura deste vertedoiro no citado municipio lucense. Esta actuación enmárcase no Programa de xestión de residuos da construción e demolición de Galicia 2013-2016.

O Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación e Ambiental, acomete esta actuación co fin de evitar a vertedura incontrolada de residuos ao tempo que se reducen os potenciais riscos para a saúde pública, a paisaxe e o ambiente. Ademais de mellorar a calidade ambiental e evitar un posible impacto sobre a saúde, o proxecto permitirá rexenerar a zona afectada de xeito que quede integrada de novo no ambiente.

Este vertedoiro, actualmente inactivo, foi construído no ano 2001 en terreos antes ocupados por unha canteira. Esta actuación foi acometida pola Xunta como medida complementaria do Plan xeral de adecuación, selaxe e clausura de vertedoiros de Galicia, co obxecto de dotar o Concello dunha instalación axeitada para a xestión e eliminación de residuos procedentes da actividade construtiva en condicións de seguridade ambiental e evitar a súa vertedura incontrolada cos conseguintes impactos paisaxísticos, ambientais e de saúde pública. Tras a execución da obra, o vertedoiro foi entregado ao Concello, que asumiu a súa xestión.

Os residuos depositados no vertedoiro son os denominados residuos de construción e demolición, coa consideración de residuos inertes, de entre os cales os procedentes de obras menores de reforma ou reparación están legalmente asimilados aos residuos domésticos ou urbanos e son de competencia municipal. A composición destes residuos é heteroxénea, incluíndo usualmente pedras, formigón, ladrillos, escaiola, grava.

A actuación de adecuación, selaxe e clausura ten por finalidade acadar a recuperación ambiental e paisaxística do espazo ocupado polo vertedoiro e da súa contorna, o que comprenderá as seguintes fases:

– Limpeza e roza
– Movemento de residuos
– Construción de muros de contención
– Selaxe
– Revexetación
– Actuacións complementarias (instalación de valado e portón, placa informativa, etc.)

11 de decembro de 2014 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.