publicidade hoxe

Foz incorpórase á rede cinemas de Galicia coas proxeccións de ‘Encallados’, ‘Le Week-End’ e ‘A Tropa de Trapo na Selva do Arco da Vella’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFoz
A-
A+

O concello de Foz súmase a partir de mañá a Cinemas de Galicia, o novo circuíto de exhibición cinematográfica creado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, cunha programación que inclúe tres proxeccións no auditorio do Cenima (Centro de Interpretación da Mariña Lucense): as producións galegas ‘Encallados’ e ‘A Tropa de Trapo na Selva do Arco da Vella’ e a británica ‘Le Week-End’.

Este municipio está a participar xunto cos do Carballiño, As Pontes e Sanxenxo na fase de implantación da rede, que botou a andar cunha primeira carteleira bimestral novembro-decembro co obxectivo de lles achegar o cine en pantalla grande aos espectadores de localidades sen salas comerciais, ademais de aumentar as posibilidades de distribución dos filmes producidos en Galicia.

Producións galegas

Así, no caso de Foz, Cinemas de Galicia arrancará mañá xoves 11, ás 20.30 horas, coa longametraxe ‘Encallados’, do realizador compostelán Alfonso Zarauza e protagonizada por Xulio Abonjo, Federico Pérez, Ricardo de Barreiro e Farruco Castromán. Esta comedia, que achega unha ollada interior cara ao mundo do cine desde a autocrítica, a melancolía e o humor, foi producida por Zircozine co apoio da Consellería de Cultura e Educación a través do programa de axudas ao audiovisual galego da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Tamén contou con subvención da Xunta de Galicia para a súa realización o filme de animación para público infantil ‘A Tropa de Trapo na Selva do Arco da Vella’, que poderá verse no Cenima o venres 26 de decembro, ás 18.30 horas. Dirixida por Álex Colls e producida por Abano, Anera Films e Continental Animación, trátase da segunda parte das aventuras deste grupo de mascotas, resultado da adaptación da serie británica ‘The Happets’.

A oferta de Foz inclúe tamén a proxección o xoves 18, ás 20.30 horas, da fita británica ‘Le Week-End’, unha comedia romántica dirixida por Roger Michell e pola que Jim Broadbent obtivo en 2013 a Concha de Prata á mellor interpretación masculina no Festival Internacional de Cine de San Sebastián.

Coa programación de Foz complétase a carteleira inaugural de Cinemas de Galicia, que desde o pasado mes de novembro e ata finais de ano terá ofrecido un total de 23 sesións cinematográficas nos seus primeiros catro espazos asociados. Os títulos programados foron seleccionados polos respectivos departamentos municipais de Cultura a partir do catálogo que lles facilitou a Agadic e que incluía 18 longametraxes de moi diferentes estilos e xéneros, entre os que se atopaban 11 destacadas películas galegas en fase de explotación.

Complemento á oferta comercial

Neste sentido, unha das prioridades da rede é servir de complemento á actual oferta dos circuítos comerciais. Así, as fitas proxéctanse baixo condicións económicas de contratación estandarizadas, cun custo regulado de 300 euros por pase, de xeito que a produtora ou distribuidora que posúe os dereitos de explotación do filme percibe a mesma contía que se a exhibición se realizase nunha sala convencional.

Respecto ao financiamento, a Consellería –a través da Agadic– asume a metade deste custo regulado para un máximo de oito sesións por municipio. Pola súa banda, os catro concellos participantes nesta fase inicial achegan o 50 por cento restante deses pases.

Para todas as sesións de Cinemas de Galicia establécese un prezo de entrada único de 3 euros e a recadación da billeteira é integramente para os concellos.

10 de decembro de 2014 | 12:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.