publicidade hoxe

Cores Tourís comprobou as obras do plan marco en catro camiños rurais de Covelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoveloPontevedra
A-
A+
Cores Tourís en Covelo

Cores Tourís en Covelo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se executaron en catro camiños rurais do concello de Covelo, dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do novo alcalde da localidade, Pablo Castillo.

As obras, que contaron cun orzamento de arredor dos 66.400 euros e permitiron mellorar máis de 1,5 quilómetros de pistas, consistiron na mellora dos camiños de San Breixo, Laxiñas, Abelleira e do acceso á casa da cultura.

En concreto, no caso do camiño de Abelleira, leváronse a cabo o drenaxe con tubo de pvc ranurado de 90 centímetros de diámetro, envolto en grava e lámina xeotextil. Tamén se levou a cabo a limpeza dos foxos, o bacheo con aglomerado en frío e varrido da superficie, mellorándose ademais o firme con aglomerado en quente de 5 centímetros.

En canto a pista de Laxinas, os traballos foron similares, colocándose, a maiores, unha marca vial continua reflexiva de 10 centímetros.

No acceso á casa da Cultura, levouse a cabo a limpeza de foxos e a mellora do firme nunha superficie de 678 metros cadrados con aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor.

Finalmente, no camiño de San Breixo, ademais da limpeza dos foxos e do varrido da superficie e mellora do firme con aglomerado en quente, tamén se bacheou con aglomerado en morno e se instalou unha marca vial continua reflexiva de 10 centímetros.

“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca do Condado-A Paradana, investiranse ao longo do presente ano un total de 221.500 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial avanzou, ademais, que, para o exercicio 2014-15, o concello de Covelo contará con 118.987 euros de cara a afrontar novos traballos de mellora de camiños rurais. Segundo apuntou o alcalde, o novo Plan Marco permitirá acondicionar varios camiños nas parroquias de Barcía de Mera e Paraños, en concreto, as pistas de Redondo e San Amaro, e de Roupeiro e Moeiros. Levaranse así a cabo traballos de pavimentacións con aglomerado en quente.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Covelo para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “en especial, ao anterior rexedor, José Costa, a quen hai que agradecer o esforzo e traballo levado a cabo durante todos estes anos a pro deste concello. Colaboracións coma a de José Costa poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Nos últimos anos, a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de Covelo, o investimento en mellora de vías rurais superou os 440.500 euros en obras nos camiños dos Piñeiros e Pedregal, Prado-Godóns, Graña-Campo, ou Medelas.

1 de decembro de 2014 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.