publicidade hoxe

Conclúe con éxito o simulacro do Plan de emerxencia exterior da empresa Foresa Caldas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisLocal Portada
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe ao simulacro do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) de Foresa Caldas, que se desenvolveu con éxito nas instalacións que ten a factoría no termo municipal de Caldas.

O vicepresidente da Xunta salientou a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dun incidente. Así mesmo, destacou a necesidade dunha coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

Boa mostra deste traballo conxunto foi a presenza durante o exercicio do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Jose Manuel Cores Tourís; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello; os alcaldes de Caldas de Reis e Portas, Juan Manuel Rey e Roberto Vázquez, respectivamente; e o director xeral de Foresa-Finsa, José Carballo García. O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor Pérez, foi o encargado de dirixir todo o dispositivo.

Expansión de fumes tóxicos

O exercicio desta mañá consistiu nunha rotura dunha liña dun tanque, con derrame de fenol que desembocou nunha dispersión de fumes tóxicos na zona. O accidente simulado provocou a expansión de fumes tóxicos no interior da empresa e na zona do contorno, que se saldou cunha persoa intoxicada dentro da industria.

No decurso do simulacro accionouse a nova sirena de aviso á poboación, coa finalidade de que os veciños da zona se familiaricen co seu son e sexan capaces de identificalo, no caso hipotético de activación do plan.

De xeito inmediato, a empresa activou o seu Plan de Emerxencia Interior coa participación da súa brigada de intervención e dos efectivos de bombeiros de Vilagarcía. Tamén participaron no exercicio axentes da Garda Civil, da Policía Autonómica de Pontevedra, da Policía Local e de voluntarios e servizos municipais de Protección Civil de Caldas e Portas.

Ademais, o operativo desta maña contou coa participación de persoal sanitario do 061, a Área de Xestión Integrada de Pontevedra e o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE). En total mobilizáronse a unhas 80 persoas, entre o persoal externo e o da propia empresa.

Aposta pola prevención

Desde a Xunta de Galicia quérese destacar a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias. Os plans de emerxencias teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industrias e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.

As normativas europea -directiva SEVESO- e estatal obrigan ás administracións públicas a elaborar e implantar planes de emerxencia nas instalacións que almacenan determinados produtos químicos a partir de certas cantidades umbrais.

Precisamente atendendo a esta esixencia, a Xunta, dende o ano 2013, está a levar a cabo campañas de implantación de plans de emerxencias en todo o territorio da Comunidade Autónoma, como vén de facer no Polígono da Grela-Bens, Punta Promontoiro ou Syngenta Agro, por citar algúns dos últimos exemplos.

16 de decembro de 2014 | 12:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.