publicidade hoxe

Campaña de Esquí en Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

Un ano máis a Deputación da Coruña vai por en marcha a súa Campaña de Esquí, na que o Concello de Cabanas contará con prazas como ven sendo habitual. Xa está aberto o prazo para presentar as solicitudes, que rematará o vindeiro 19 de decembro e os interesados poden achegarse ata o Departamento de Cultura e Deportes de Cabanas. No caso de que as solicitudes superen o número de prazas coas que conta o Concello, procederíase a un sorteo das mesmas entre os interesados.

O lugar escollido este ano para levar a cabo esta Campaña de Esquí será na provincia de Ourense, en Pobra de Trives, na Estación Invernal de Manzaneda, durante unha fin de semana con entrada o venres antes da cea e saída o domingo despois da comida. Os participantes do Concello de Cabanas estarán inscritos na cuarta quenda desta campaña, que se desenvolverá entre o 13 e o 15 de febreiro.

Como en anos anteriores, o material propio da actividade deportiva entregaráselle a cada participante durante a celebración da campaña de esquí. Recoméndase iso si un equipo mínimo para a estancia, entre o que se inclúe gafas de sol e de esquí, pantalón impermeable ou similar, anorak térmico, chuvasqueiro, guantes, gorro así como crema protectora do sol, factor 15 mínimo.

A cota de inscrición para esta campaña de esquí será de 60 euros, na que se inclúe o transporte, estadía e manutención en hotel na estación invernal de Manzaneda, monitores, clases de esquí, seguros, alugamento do material incluído o casco, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.

2 de decembro de 2014 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.