publicidade hoxe

Benestar investirá 182.000 euros na creación dunha escola infantil municipal en Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaNeda
A-
A+
Beatriz Mato co alcalde de Neda. Foto: C. Paz

Beatriz Mato co alcalde de Neda. Foto: C. Paz

A Consellería de Traballo e Benestar destinará preto de 182.000 euros para a creación dunha escola infantil municipal en Neda que contará con 41 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Así vén recollido no convenio de colaboración que asinaron hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Ignacio Cabezón.

Segundo reflicte o acordo, a obra será cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER-GALICIA. O orzamento será aboado pola Consellería de Traballo con fondos procedentes no 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e no 20% do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI).

Está previsto que as obras comecen a principios do ano 2015 e que poidan rematar no último trimestre desa anualidade.

A rede pública de escolas infantís A Galiña Azul conta na actualidade con 147 centros e 8.783 prazas, o que supón un incremento 1,5 por cento con respecto ao curso anterior.

En conxunto, máis de 19.200 familias contan este curso cunha praza 0-3 sostida con fondos públicos: á oferta da rede autonómica súmanse outras 124 escolas municipais, 47 escolas dependentes de entidades de iniciativa social ou doutras entidades públicas e arredor de 1.300 prazas de cheque infantil.

29 de decembro de 2014 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.