publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As Neves investirá 24.000 euros no paseo dos pescadores cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao Concello de As Neves

Cores Tourís na visita ao Concello de As Neves

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello das Neves para analizar co alcalde da localidade, Raúl Emilio Castro, a nova subvención da Consellería de Medio Ambiente que permitirá continuar coa mellora do paseo dos pescadores.

Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez. Deste xeito, Cores Tourís asegurou que o municipio executará obras de mellora neste paseo, para o que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aportará unha axuda global de case 19.878 euros, dentro das axudas destinadas a concellos da Rede Natura. O concello de As Neves achegará o 21% correspondente ao IVE da obra, co que o investimento global superará os 24.000 euros.

O delegado territorial destacou que estas subvencións veñen a ratificar “o compromiso do Goberno galego coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais en Galicia e, en concreto, na provincia de Pontevedra, unha das que conta con maior número de concellos acollidos a estas axudas, en concreto 30, investiranse case 676.000 euros en diversos proxectos se temos en conta non só a axuda destinada pola Xunta de Galicia para estes municipios senón tamén o IVE que eles asumen”.

Segundo explicou, estas subvencións destináronse a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes cabanas ou valos.

“O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é dar resposta a estes obxectivos fomentando e aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, engadiu Cores Tourís, quen matizou que “estas actuacións están dirixidas”, asegurou Cores Tourís, “a contribuír a biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que compre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia”.

Cores Tourís destacou que dende a Administración autonómica continuarase a perseverar no coidado da natureza. “Queremos aproveitar o atractivo económico e turístico que hai detrás da conservación da natureza. Esta é a nosa meta, ordenar e mellorar o noso contorno”.
En relación ao proxecto que realizará o concello das Neves o alcalde matizou que o obxectivo dos traballos serán labores de roza, eliminación de especies invasoras, instalación de sinalización, dunha escaleira de madeira para salvar a pendente da zona e novas varandas, co obxectivo de mellorar todo o entorno do paseo de Pescadores desta localidade, “labor que xa comezou en 2013 cando se investiron nestes mesmo sendeiro outros 20.000 euros a través das mesmas axudas á Rede Natura”.

15 de decembro de 2014 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.