publicidade hoxe

A Xunta trasládalle ao alcalde de Sarria a vontade de colaborar para impulsar a ordenación ubranística do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoSarria
A-
A+

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; Encarnación Rivas, vén de manter unha reunión de traballo co alcalde de Sarria; José Antonio García López, para impulsar diversos proxectos de interese xeral para o concello, entre os que destaca o Plan Xeral de Ordenación Municipal, contratado no ano 2008.

O alcalde trasladou á secretaria xeral que as xestións do concello co equipo redactor, que xa rematou a análise das preto de 3.000 alegacións recibidas durante a exposición pública, están moi avanzadas. Tamén deu conta dos informes sectoriais recibidos e comunicou que as previsións que manexa o concello pasan por someter o documento á Aprobación Provisional, durante o primeiro trimestre de 2015, e a continuación remitilo á Xunta para Aprobación Definitiva.

Co fin de axilizar a tramitación e dar cumprimento das previsións municipais, Rivas Díaz ofreceuse a celebrar unha nova reunión co equipo redactor e cos técnicos de ambas dúas administracións, que será fixada para principios do ano próximo, co fin de asentar criterios e clarexar posibles dúbidas, antes de remitir o documento á Secretaria Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para a elaboración da Memoria Ambiental.

Este trámite -que é previo a Aprobación Provisional do documento no Pleno Municipal-, constitúe a finalización da tramitación ambiental e urbanística do documento.

Rivas Díaz destacou que o Plan Xeral de Ordenación Municipal será o instrumento de regulamentación urbanística que porá fin as Normas Subsidiarias de Planeamento vixentes dende 1986, no que se plasmará a estrutura xeral e orgánica do territorio, os dereitos e os deberes dos propietarios do solo ou as directrices de protección e de desenvolvemento.

A colaboración da Xunta para a aprobación deste instrumento complétase coa achega económica, que neste caso é de case 260.000 euros.

Plan Especial de Protección do Casco Histórico

No encontro tamén se tratou o estado Plan Especial del Casco Histórico que o concello contratou en outubro de 2010 cunha achega da Xunta de máis de 200.000 euros. Como no caso do PXOM, a secretaria xeral ofreceu toda a axuda técnica de su departamento.

Outro dos asuntos tratados na reunión foi o recoñecemento do asentamento industrial constituído ao marxe do planeamento no lugar de Betote.

En abril de 2013, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu Informe Previo a Aprobación Inicial deste documento que neste intre está a ser analizado polos técnicos para Aprobación Definitiva, cuxo prazo remata o vindeiro 3 de febreiro de 2015.

3 de decembro de 2014 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.