publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta licita por 3 millóns de euros a explotación das depuradoras da Illa de Arousa, Meaño e Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaGaliciaMeañoPontevedraPortada esquerdaRibadumia
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no DOG a resolución pola que licita o contrato de xestión para a explotación das estacións depuradoras de augas residuais da Illa de Arousa, Meaño e Ribadumia.

O investimento total desta actuación ascende a 2.937.965,27 euros, importe distribuído nas tres vindeiras anualidades, co que se pretende levar a cabo o servizo de depuración de augas residuais a través da explotación das estacións depuradoras dos citados municipios pontevedreses.A licitación conxunta da explotación e mantemento destas tres instalacións permítelle á Administración autonómica aforrar ao redor dun 22,5% fronte ao que suporía licitar cada explotación por separado.

Este contrato realízase ao abeiro do disposto no artigo 32 da Lei 9/2010, do 4 novembro, de Augas de Galicia, que declara de interese da Comunidade Autónoma, entre outros, a explotación e mantemento das estacións depuradoras de augas residuais.

O obxectivo do contrato é o de realizar as tarefas necesarias para que os elementos do sistema de saneamento e depuración de augas residuais cumpran as funcións para as que foron deseñados e para que o fagan en condicións óptimas de funcionamento, sen olores e de xeito continuo e ininterrompido. Para isto, levaranse a cabo cantas operacións e coidados sexan necesarios para cumprir co fin de xestionar con continuidade e normalidade, nas condicións e niveis de calidade axeitadas, a totalidade do servizo de explotación das instalacións de depuración obxecto deste prego.

Estas obras de mantemento promoven a mellora do ambiente, contribuíndo ao obxectivo transversal de sustentabilidade e protección, e permiten que a cidadanía desenvolva a súa actividade cun mínimo impacto sobre a natureza.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, colabora cos citados concellos para mellorar a eficacia dos seus sistemas de depuración e optimizar o saneamento da ría de Arousa, blindando así actividades fundamentais para esta zona como o marisqueo, a pesca ou o turismo.

Características das depuradoras

- A EDAR da Illa de Arousa, deseñada para unha poboación de 12.880 habitantes, conta cun caudal medio de 2.760 m3/d. Na actualidade, Augas de Galicia está levando a cabo a explotación e mantemento desta estación depuradora, polo que o presente contrato dá continuidade ao que está en vigor actualmente para esta infraestrutura.

- A EDAR de Meaño, proxectada para unha poboación de 30.000 habitantes, consta dun caudal medio de 9.000 m3/d. O bombeo externo á depuradora sitúase en Pasales. A xestión desta infraestrutura hidráulica tamén lle corresponde á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

- A EDAR de Ribadumia, deseñada para unha poboación de 15.000 habitantes, dispón dun caudal medio de 5.011 m3/d. Con data 10 de outubro de 2014, Augas de Galicia recibiu a obra de construción desta depuradora e desde entón vén realizando a explotación e mantemento da citada estación depuradora de augas residuais.

26 de decembro de 2014 | 11:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.