publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta colabora na creación dun paseo municipal que comunique os concellos de Calvos de Randín e Os Blancos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalvos de RandínOs BlancosOurense
A-
A+
Rogelio Martínez na visita ás obras

Rogelio Martínez na visita ás obras

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou esta mañá as obras de acondicionamento do paseo que unirá os concellos de Calvos de Randín e Os Blancos, cuxa execución finánciase ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público. Na visita Martínez estivo acompañado do alcalde dos Blancos, Xosé Manuel Castro.

O proxecto presentado conxuntamente por Calvos e Os Blancos consiste no acondicionamento do sendeiro existente na actualidade, pero que está moi danado, para crear un paseo municipal que una os dous concellos co obxectivo de dinamizar a zona. Unha vez rematen as obras, o paseo contará con sinais informativas da ruta e da fauna e flora existente, mobiliario urbano, así como unha área de descanso e outra de xogos para os máis pequenos.

O delegado territorial salientou a importancia destas pequenas actuacións que benefician directamente aos cidadáns e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións. Así, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza concedeulle a estes dous concellos ourensáns unha subvención de 43.000 euros para executar este proxecto.

Rogelio Martínez asegurou que a Xunta continuará facendo un esforzo para apoiar aos concellos, non só a través desta orde, senón de moitas axudas máis cuxo compromiso xa se reflicte nos Orzamentos. É o caso do Fondo de Cooperación Local, que se mantén un ano máis; o Fondo de Compensación Ambiental; as axudas para o mantemento dos CIMs; ou o apoio decidido a aqueles concellos que opten por cooperar entre si, entre outros exemplos.

Orde de infraestruturas

A Orde de axudas para Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon á disposición dos concellos para financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños, como instalacións deportivas e culturais ou prazas, paseos e parques infantís.

Un dos principais obxectivos destas axudas é contribuír ao reequilibrio territorial, sobre todo dos concellos máis pequenos, xa que está dirixida aos que teñen menos de 30.000 habitantes. Este ano as axudas contan cunha dotación de 2 millóns de euros, un 50 por cento máis que en 2013, e beneficiarán a 73 concellos. No que atinxe á provincia ourensá, 18 son os concellos beneficiados cun investimento de 576.000 euros.

3 de decembro de 2014 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.