publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Pontevedra destina 400.000 euros a actuacións nos concellos de Vilaboa, Cotobade, Campo Lameiro, Barro, Marín e Cuntis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroCampo LameiroCotobadeCuntisMarínPontevedraVilaboa
A-
A+

A Deputación de Pontevedra destina 400.000 € a diferentes actuacións nos concellos de Vilaboa, Cotobade, Campo Lameiro, Barro, Marín e Cuntis no marco do Plan de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais.

Nos catro concellos da comarca investiranse máis de 280.000 €. Así, Vilaboa percibirá 20.328 € para adquirir oito marquesiñas que se instalarán na estrada nacional N-554. Outros 46.076,62 € permitirán financiar as obras de mellora da pista municipal de Pousada, que incluirán a renovación do seu asfalto para corrixir a notable deterioración que presenta a súa capa de rodaxe.

Pola súa banda, as obras do novo salón de actividades da casa do concello de Cotobade contarán cun financiamento de 63.197,40 € da Deputación, que tamén investirá 59.644,42 euros na ampliación dos vestiarios e na dotación de novas bancadas ó pavillón de deportes de Tenorio, e outros 22.528,99 € na construción dunha sala de caldeiras no edificio multiusos do concello.

Campo Lameiro disporá tamén de 46.095,63 € para seguir completando a mellora da súa rede viaria municipal. Esta achega permitirá financiar actuacións de reparación de fochas, mellora da drenaxe e renovación do firme de diversas vías que, á deterioración producida polo paso do tempo e o tránsito de vehículos, sumaron en moitos casos danos ocasionados polo mal tempo do pasado inverno.

Finalmente en Barro investiranse 20.621,62 € para dotar de mobiliario o edificio de usos múltiples deste concello.

Eficiencia enerxética en Marín

No que respecta a Marín, a Deputación de Pontevedra aprobou unha achega de 40.593,20 € para mellorar a iluminación pública na estrada PO-551 ó seu paso por este termo municipal.

As obras teñen como obxectivo mellorar a iluminación pública desde a saída da rotonda da variante de Marín, coa instalación de 40 puntos de luminarias led.

Infraestruturas deportivas en Cuntis

En Cuntis a Deputación investirá 79.150,06 € en traballos de mellora de instalacións deportivas. Prevense 50.432,80 € para financiar as obras de mellora da renovación da cuberta do pavillón municipal de deportes, que presenta goteiras e unha considerable deterioración.

Destinaranse outros 28.717,26 € á adquisición de diverso equipamento para o campo de fútbol da Ran, remodelado pola Deputación de Pontevedra para dotalo de herba artificial.

1 de decembro de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.