publicidade hoxe

A Deputación de Lugo dotará á Montaña do primeiro campo de fútbol da Comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, adiantou este xoves que o organismo provincial dotará á Montaña do primeiro campo de fútbol desta Comarca, tal e como o solicitaron os veciños do partido xudicial da Fonsagrada durante a xuntanza sobre orzamento participativo da institución para 2015. Gómez Besteiro fixo este anuncio na localidade fonsagradina, onde se situará esta nova dotación como cabeceira comarcal, acompañado polo Alcalde do Concello, Argelio Fernández Queipo.

Actualmente, os municipios que integran a Montaña luguesa (Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Baleira) non conta cunha instalación habilitada para practicar fútbol 7 ou fútbol 11. Só existe un terreo en Baleira, en desuso dende hai unha década, posto que nin tan sequera conta con servizos básicos de auga e luz. Isto obriga aos veciños da Comarca a desprazarse a outros Concellos. É o caso de rapaces da Fonsagrada, que durante a época estival acoden ao municipio de Vilanova de Oscos, en Asturias. Todo isto, a pesares de aumentar a canteira. Só na Fonsagrada, hai 70 rapaces nas escolas deportivas de fútbol sala, 9 equipos na liga local e ata un equipo máis na 3ª división da liga nacional.

O organismo provincial situará o campo de fútbol nunha parcela de 10.000 metros cadrados, coñecida como Coto da Pedreira, moi preto da vila fonsagradina. Este espazo é de titularidade municipal. O Concello adquiriuno nos anos 80, precisamente, para facer un campo de fútbol, que nunca se executou. Co obxectivo de tentar cumprir esta vella demanda, o actual Goberno municipal dotouno dos servizos de auga e luz.  

Será de herba artificial para facilitar o seu mantemento ante as condicións climatolóxicas da Montaña. Terá as medidas regulamentarias para practicar fútbol 7 e 11. Contará cunha grada cuberta para 250 persoas, vestiarios e duchas, ademais dunha pista de adestramento ao redor do perímetro do campo de fútbol. A Deputación financiará estas actuacións con 550.000 euros.

Cumprindo coas demandas veciñais

A Deputación está a cumprir coas peticións que os veciños lle trasladaron nas xuntanzas participativas para a elaboración do seu novo orzamento. Ademais do campo de fútbol para a Comarca da Montaña, outros exemplos da resposta que a institución está a dar ás solicitudes dos cidadáns son as melloras nas estradas de Momán ás Pontes, no Concello de Xermade;  de Seoane ao Pazo de Tor, en Monforte de Lemos; ou a que une Friol e Parga, no municipio friolés e no de Guitiriz. A piques de aprobar definitivamente, no Pleno de decembro, o primeiro Orzamento Participativo dunha Deputación en España, que terá a de Lugo no 2015, esta será unha constante no organismo lugués, posto que o seu novo presuposto cumpre coas prioridades que marcaron 55.000 veciños, achegando 35 millóns de euros ao emprego, infraestruturas e políticas socias.

11 de decembro de 2014 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.