publicidade hoxe

A Casa-Museo Rosalía de Castro modernizará a súa planta baixa cunha nova achega da Deputación da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPadrón
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinará nas próximas datas un convenio coa Fundación Rosalía de Castro para financiar o proxecto de Modernización da Museografía da planta baixa da Casa-Museo situada en Padrón. O obxectivo do acordo pasa por renovar a parte máis necesitada da Casa da Matanza, onde quedou pendente de reforma tecnolóxica a zona que acolle a exposición da vida e a obra da autora.

Así, incorporaranse as novas tecnoloxías audiovisuais para favorecer a información, a comprensión e a emoción dos visitantes que acudan á Casa da Matanza, epicentro cultural de Galicia e da provincia no que ten que ver coa autora padronesa.

Grazas ao convenio, que supón unha achega de 32.668 euros por parte da Deputación, financiarase a adquisición e instalación dun proxector de vídeo de alta resolución para visionado cenital, con equipo de son incorporado. Tamén se inclúe a compra de diversos equipos audiovisuais e a montaxe e instalación de mobles expositores, vitrinas e rótulos. Finalmente, a axuda servirá tamén para a reprodución de documentos e imaxes, así como o seu enmarcado e montaxe final.

O orzamento total para estes traballos suma 40.835,08 euros.

Colaboración entre a Deputación e a Fundación Rosalía de Castro

Esta axuda súmase a outras colaboracións anteriores entre a Deputación e a Fundación Rosalía de Castro. Unha das últimas tivo lugar o pasado mes de febreiro, cando o presidente Diego Calvo visitou as instalacións da Casa Museo de Padrón para asinar a acta de entrega dunha serie de bens propiedade da institución provincial e que foron cedidos en calidade de depósito para a súa mostra ao público.

Entre as propiedades entregadas, todas elas doadas á Deputación polos herdeiros de Juan Naya Pérez, figuran cinco cadros pintados polo fillo da poetisa e Manuel Murguía, Ovidio Murguía de Castro, un tresillo que foi propiedade da familia e un retrato de Rosalía do artista Modesto Brocos.

Este último retrato posúe un grande valor histórico, xa que é o único pintado en vida da escritora que se conserva na actualidade. Ademais, é salientable tamén o seu valor artístico, pois supón a representación da transición do estilo romántico ao realismo.

As pertenzas, valoradas en 51.000 euros, cedéronse de forma temporal co obxectivo de que a sociedade as poida coñecer mellor. Por iso, Diego Calvo salientou durante aquela visita realizada no mes de febreiro que “a importancia do que cedemos reside no seu valor histórico, patrimonial e mesmo artístico”. 

O Concello de Padrón foi quen solicitou no seu momento aquela cesión para a Fundación que leva o nome da escritora con motivo da celebración do 150 aniversario de Cantares Gallegos durante o ano pasado e, segundo o titular provincial, a Deputación non dubidou en poñer en marcha este traspaso para que “toda a sociedade poida gozar destes obxectos”, que ata agora se atopaban no Pazo de Mariñán.

26 de decembro de 2014 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.