publicidade hoxe

A aposta de Vilamarín pola eficiencia enerxética permítelle obter aforros anuais de 30.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilamarín
A-
A+
Francisco Conde en Vilamarín

Francisco Conde en Vilamarín

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a aposta do Concello de Vilamarín pola eficiencia enerxética lle permite obter aforros anuais de 30.000 euros. Conde, que visitou a nova caldeira de biomasa do municipio acompañado polo alcalde, Amador Vázquez Vázquez, salientou o “traballo moi importante” que está a desenvolver o concello neste eido, apostando por aquelas iniciativas que teñen un maior impacto no cidadán.

Así, a caldeira do municipio permitirá acadar unha diminución de custos de enerxía para a vila de 10.000 euros por exercicio, aos que cabe sumarlles os 1.200 euros da nova instalación municipal do tanatorio, e os máis de 18.000 euros que xa está a aforrar Vilamarín grazas ao programa de axudas para a substitución de luminarias por outras máis eficientes. As dúas novas instalacións desenvolvéronse no contexto da liña de apoios do Inega, encadrada na Estratexia de Impulso da Biomasa Forestal que está a promover o Goberno galego.

“Esta colaboración municipal esténdese a outros ámbitos como a industria ou o comercio”, incidiu o conselleiro, quen subliñou que desde o seu departamento seguirán a impulsarse todas aquelas iniciativas cun “impacto directo no benestar do cidadán, e aqueles proxectos empresariais vinculados, no caso de Vilamarín, ao sector forestal e a dos serradoiros”.

Neste sentido, só no último ano, a Consellería destinou máis de 100.000 euros á mellora da competitividade comercial e empresarial de Vilamarín. Deste xeito, promoveuse a mellora do seu parque empresarial, coa instalación dunha nave para a xestión de residuos, e fomentouse o comercio de proximidade, coa mellora do seu mercado tradicional.

Este esforzo coordinado entre administracións, explicou Conde, redunda en beneficio dun municipio que está a conseguir incrementar a calidade de vida dos seus cidadáns e impulsar a competitividade empresarial. Un traballo no que ven colaborando a Consellería de Economía e Industria, que nos últimos 6 anos destinou máis de 1,5 millón de euros para promover diferentes actuacións a través de distintas ordes de axuda.

22 de decembro de 2014 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.