publicidade hoxe

Xunta e Concello de Barreiros colaboran na mellora do acceso ao cuartel da Garda Civil e á sede de Protección Civil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarreiros
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, visitaron as obras de adecuación de varias rúas do Concello que facilitan o acceso dos veciños a servizos como o cuartel da Garda Civil, Protección Civil e a igrexa parroquial.

As obras fixéronse ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público do Goberno galego e, de acorde co espírito destas axudas, representan un beneficio directo para os cidadáns. Deste xeito, ampliáronse beirarrúas, renováronse pavimentos e colocáronse cruces de peóns; facilitando tamén o labor dos axentes e dos voluntarios de Protección Civil.

O vicepresidente felicitou ao alcalde pola iniciativa e salientou a importancia destas pequenas actuacións que benefician directamente aos cidadáns e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións. Neste caso concreto, a Xunta e o Concello de Barreiros aunaron esforzos para facer fronte aos 50.000 euros que custou a intervención.

A Xunta continuará facendo un esforzo para apoiar aos concellos, non só a través desta orde, senón de moitas axudas máis cuxo compromiso xa se reflicte nos Orzamentos. É o caso do Fondo de Cooperación Local, que se mantén un ano máis; o Fondo de Compensación Ambiental; as axudas para o mantemento dos CIMs; ou o apoio decidido a aqueles concellos que opten por cooperar entre si, entre outros exemplos.

Orde de infraestruturas

A Orde de Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon á disposición dos concellos para financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños, como instalacións deportivas e culturais ou prazas, paseos e parques infantís.

Un dos principais obxectivos destas axudas é contribuír ao reequilibrio territorial, sobre todo dos concellos máis pequenos, xa que está dirixida aos que teñen menos de 30.000 habitantes. Este ano as axudas contan cunha dotación de 2 millóns de euros, un 50 por cento máis que en 2013, e beneficiarán a 73 concellos.

17 de novembro de 2014 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.