publicidade hoxe

Val do Dubra reparará a estrada que une O Castro con Arnexo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVal do Dubra
A-
A+

O Concello de Val do Dubra investirá 146.000 euros en afrontar diversas obras nas súas infraestruturas. Os proxectos, que foron aprobados hoxe en Pleno, figuran no Plan Provincial de Cooperación de obras e servizos de competencia municipal (POS 2015), serán executados xa a inicios do próximo exercicio. O POS 2015 destina a este concello un total de 243.000 euros.

Entre os proxectos aprobados figura a reparación e rehabilitación da vía que une as localidades de O Castro e Arnexo, na parroquia de Rial. Esta obra requirirá 107.000 euros de investimento. O alcalde de Val do Dubra, Ramón Varela, destacou que “este proxecto é unha vella demanda dos veciños que agora faise realidade”. Explicou que consistirá, entre outros traballos, en darlle maior ancho á vía para facilitar a circulación de vehículos e peatoner. Entre as obras que se acometerán tamén figura o camiño da igrexa de Paramos, un camiño e contención de terreo en Gontar e un muro en Malvarez (Rial). No centro urbano de Bembibre acometerase a reparación da vía de acceso ao Pavillón municipal e ao campo de fútbol da Tilleira. Esta vía é moi utilizada polos veciños de Val do Dubra xa que dá acceso ás infraestruturas que se utilizan para facer deporte e para asistir a celebracións. Todas estas obras que figuran no POS 2015, incluída tamén a reparación do camiño de O Castro a Arnexo, suman un total de 146.000 euros.

A Val do Dubra correspóndenlle 243.000 euros procedentes do POS 2015. O 60 por cento deste montante destínao a obras. O outro 40% diríxeo ao financiamento de gastos correntes que o Concello de Val do Dubra ten previsto acometer ao longo de 2015. A cantidade destinada a gasto corrente será de 97.000 euros. O Concello de Val do Dubra incluirá estes proxectos no seu orzamento de 2015. E executaranse a principios dese exercicio.

O Pleno de Val do Dubra sacou adiante estes proxectos co voto a favor do seis concelleiros do Partido Popular, a abstención do catro concelleiros do grupo de non adscritos e o voto en contra do concelleiro do PSOE.

25 de novembro de 2014 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.