publicidade hoxe

Unha vintena de desempregados benefícianse do obradoiro de emprego conxunto dos concellos de Miño e Paderne

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMiñoPaderne
A-
A+
Belén do Campo na visita ao obradoiro

Belén do Campo na visita ao obradoiro

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe aos 20 alumnos e alumnas que están a participar no obradoiro de emprego promovido conxuntamente polos concellos de Miño e Paderne. No encontro estivo acompañada polos alcaldes destes municipios, Jesús Veiga e César Longo, respectivamente, e pola xefa territorial de Traballo e Benestar, Pilar Caridad.

Segundo explicou Do Campo, o Goberno galego, a través da Consellería de Traballo e Benestar, inviste 177.668 euros no desenvolvemento desta iniciativa mixta de formación e emprego dirixida a persoas desempregadas, que se especializarán en labores de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Destacou, ademais, que este tipo de proxectos teñen como obxectivo “dar aos participantes unha formación de calidade, ao tempo que un posto de traballo”. A formación laboral recibida enriquecerá o curriculum dos traballadores e traballadoras e polo tanto a súa empregabilidade.

Como sucede con todos os obradoiros, esta actividade permitirá tamén desenvolver labores de interese para a comunidade. Todas as actividades están destinadas á posta en valor do parque público do pazo da Fundación Rita Ramos, de Miño, e ao axardinamento e mantemento dunha quincena de espazos públicos de Paderne, como son a praza de Insua, os parques da Pedreira, Areas, Souto, A Picota, Medín, San Mamede, O Telleiro ou a aula da ría, entre outros. A delegada territorial incidiu na clara intención de “colaboración da Xunta e institucións locais para que os obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.

Na actualidade, están en marcha un total de 53 obradoiros en toda Galicia, que contan cun investimento de 10,2 millóns de euros e que benefician a preto de 1.300 galegos. Á provincia da Coruña destínanse aproximadamente 2,8 millóns de euros para o desenvolvemento de 15 novos programas que benefician a 32 concellos e 315 alumnos e alumnas.

13 de novembro de 2014 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.