publicidade hoxe

Touro dá luz verde ao seu orzamento para 2015 que suma 2,86 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

O pleno extraordinario do Concello de Touro celebrado hoxe na Casa do Concello deu ‘luz verde’ ao Orzamento para 2015, que suma 2.859.515 euros. Respecto das contas do presente exercicio de 2014, o orzamento de 2015 medrará en 30.000 euros en termos absolutos, xa que o orzamento deste ano alcanzou os 2.829.204 euros. A aprobación orzamentaria obtivo o apoio do grupo de goberno municipal (8 votos dos concelleiros do PP) e a abstención da oposición (2 do BNG e 1 do PSOE).

O capítulo de gastos correntes de bens e servizos leva 1.432.945 euros, ao redor da metade do orzamento de gastos. Aquí figuran os gastos sociais que medran un 2% respecto dos de 2014. E aí está a partida destinada a axuda a domicilio, ao redor de 160.000 euros, e a partida que se dedica ao PAI, que ascende a uns 96.000 euros. Pola súa banda, os gastos de persoal representan 772.800 euros e as transferencias correntes, 106.000 euros. Os investimentos reais previstos para o Concello de Touro en 2015 superan o medio millón de euros. O total do orzamento de gastos: 2.859.519 euros.

Pola súa banda, as transferencias correntes suman 1.877.526 euros no orzamento de ingresos. Os impostos directos alcanzan os 476.389 euros e os impostos indirectos, 30.000 euros. As taxas, prezos públicos e outros representarán uns ingresos de 122.150 euros para o Concello de Touro en 2015. As transferencias de capital sumarán 348.454. E os ingresos patrimoniais supoñen 5.000 euros. O total do orzamento de ingresos: 2.859.519 euros.

O pleno tamén coñeceu o informe de intervención sobre morosidade. O Concello de Touro cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria, a regra de gasto e o principio de sustentabilidade financeira establecidos por lei para as entidades locais. Así quedou reflectido no informe de intervención posto en coñecemento no pleno de hoxe. O prazo medio de pago aos provedores non excede dos 30 días.

Outro dos puntos tratados foi a ordenanza reguladora do prezo público pola utilización da emisora municipal Radio Touro para a emisión de anuncios publicitarios e actividades de natureza análoga. Este punto contou co apoio unánime de todos os integrantes da Corporación municipal.

26 de novembro de 2014 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.