publicidade hoxe

The Soul Jacket únese ao concerto de Moreland & Arbuckle pechando o Blues Nite by 1906

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

Para pechar o ciclo Blues Nite by 1906, duelo de bandas, xa que ao concerto xa previsto con Moreland & Arbuckle únese agora a banda galega The Soul Jacket. Será o xoves 4 de decembro, ás 21:30 horas, na Sala Capitol. As entradas poden mercarse xa no despacho de billetes do Teatro Principal, Ticketea, Miranda, A Reixa Tenda e salacapitol.com a un prezo de 14 euros anticipada e 17 euros o día do concerto. O incrible trío de Kansas, Moreland & Arbuckle, visita o noso país en catro únicas datas presentando o seu mellor disco, 7 Cities, altamente recomendado para fans de ZZ Top, George Thorogood ou Buddy Guy. E a banda galega The Soul Jacket amosa o seu ultimo traballo, máis honesto e inspirada que nunca.

Moreland & Arbuckle

O guitarrista Aaron Moreland e o harmonicista e vocalista Dustin Arbuckle pasaron máis dunha década explorando os límites da música de raíces americanas. No proceso, Moreland & Arbuckle forxaron un son incesante e inquietante que combina blues do Delta, folk, rock, country tradicional, soul e outros numerosos ecos dunha narrativa música chea de matices que abarca máis dun século.

A viaxe de Moreland & Arbuckle comezou cando os dous se atoparon nunha sesión de micrófono aberto nun club en Wichita, Kansas, en 2001. Moreland acabábase de mudar á cidade uns meses antes desde Emporia, unha cidade situada a unhas oitenta e cinco millas ao nordés. Guitarrista dende os 15 anos, o seu material de orixe era realmente diverso –Led Zeppelin, Creedence Clearwater Revival, Black Sabbath, Charley Patton, Motley Crue– pero centrouse no blues tradicional dende o momento en que chegou a Wichita na metade da vintena.

Arbuckle, un nativo de Wichita, estivera tocando nunha banda de rock de bar durante moitos anos, pero a súa sensibilidade estaba xeracións atrás, no corazón do Delta do Mississippi. As súas influencias son harmonicistas como Little Walter e Sonny Boy Williamson e guitarristas como Son House. Despois do lanzamento de Flood, o seu terceiro album, Moreland e Arbuckle compartiron escenarios e xiras con ZZ Top, George Thorogood, Jonny Lang, Buddy Guy, Robert Cray, Los Lonely Boys e outros bluesmans e veteranos do rock.

7 Cities é o seu último disco, que presentarán en Santiago nesta primeira xira por España. Producido por Matt Bayles, o novo álbum de Moreland and Arbuckle conta a historia do explorador español Coronado e a súa incansable procura das sete cidades de ouro na súa terra natal, Kansas. “É definitivamente o noso traballo máis forte”, di o guitarrista Aaron Moreland, quen con Arbuckle e o novo baterista Kendall Newby asociouse co produtor asentado en Seattle Matt Bayles (Mastodon, The Sword) para gravar este disco no estudo de Stone Gossard.

A sensación de que estamos ante dunha as bandas que marcará as formas do blues no século XXI é constante e a oportunidade de gozalos en directo imprescindible.

The Soul Jacket

En novembro de 2014, The Soul Jacket sacan o seu terceiro e esperado disco de estudo, ao que titularon Black Cotton Limited. De novo con Hendrik Röver aos controis da mesa de son, este novo traballo ofrece 15 cortes (constará dun dobre LP na súa edición en vinilo) e preséntanos a uns The Soul Jacket que se deslizan libremente entre os estilos desa América do Norte mítica que tan ben souberon absorber e incorporar a un rexistro propio xa de seu rico en matices.

A banda comezou a súa andaina no ano 2004 e con este o seu terceiro álbum de estudo –precedérono Wood Mama en 2012 e Gunpowder Valley en 2013– celebran dez anos de traxectoria musical, unha traxectoria con lixeiros cambios de formación, pero que conserva a tres dos seus integrantes orixinais –Toño López á voz, Jann Zerega ao baixo e Mauro Comesaña á batería– aos que se suman as guitarras de Jorge Mizer e Guillermo Gagliardi, e dende hai pouco máis dun ano a sabedoría e o bo facer dun veterano teclista da escena viguesa como é Xabier Vieitez (Transilvanians, Foggy Mental Breakdown, etc.)

O bo sabor de boca que deixou Wood Mama tanto a público como a prensa especializada –un disco debut que recibiu os eloxios de publicacións como Ruta 66, Popular 1 ou o diario El País– é unha das razóns polas que a banda decidiu poñerse de novo nas mans de Hendrik Röver para dar forma aos temas deste novo traballo. Sen dúbida, o músico cántabro líder dos Deltonos coñece como ningún ese son puramente americano que se desprende da música de The Soul Jacket.

O último traballo da banda galega é, en definitiva, un disco redondo, que excede o listón deixado polos seus predecesores e que nos mostra a uns The Soul Jacket máis expostos, honestos e inspirados que nunca.

26 de novembro de 2014 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.