publicidade hoxe

Soutomaior convoca unha nova edición do concurso de postais de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

O Concello de Soutomaior acaba de convocar unha nova edición do seu concurso de postais do Nadal.O certame está dotado con varios premios para os vencedores de cada categoría entre os que destaca unha cea na pousada do castelo de Soutomaior ademais de varios lotes deportivos e de produtos do Nadal, entre outros obsequios.

O prazo para a presentación de orixinais estará aberto ata o 12 de decembro.

O obxectivo deste “tradicional” concurso é promocionar a creatividade e a expresión plástica entre a poboación de Soutomaior; sensibilizar á infancia sobre os valores positivos que transmite o Nadal e fomentar a participación activa dos nenos durante as festas.

O certame está dirixido a toda a poboación do municipio, pero especialmente á infancia e á mocidade. O certame consta de oito categorías de idades nas dúas modalidades propostas. Poderán participar nenos desde os dous ata os 17 anos, quedando unha categoría para os maiores de idade. A temática será o Nadal, as súas visións e significados representados de maneira creativa. Tamén se valorará que a idea proposta estea contextualizada no Concello de Soutomaior. As postais que conteñan texto deberán estar escritas en lingua galega.

Cada cartón poderá presentarse nunha única modalidade das dous existentes, a Simple e a Voluminosa. No caso da primeira as postais non poderán superar o tamaño dun DIN-A4 aberto, sendo de soporte e técnica libre. A modalidade voluminosa está destinada para aquelas postais tridimensionales ou con volume. Neste caso o tamaño deberá ser apto para a súa exposición e fácil manexo.

As postais presentadas a concurso deberán entregarse nas oficinas da OMIX, no edificio Multiusos de Arcade, en sobre pechado cun folio no seu interior no que consten os datos de contacto do participante. As postais presentadas poderanse contemplar reunidas nunha exposición que se poderá visitar ata o 9 de xaneiro de 2015.

O acto oficial de entrega de premios celebrarase o sábado 20 de decembro, ás 19:30 horas, no Multiusos de Arcade. Todas as persoas que participen no concurso e asistan á entrega de premios recibirán un pequeno agasallo pola súa colaboración. A festa terminará cunha actuación de animación para todos os públicos.

Todos os interesados en recibir máis información ou consultar as bases do concurso poden facelo directamente online a través da web municipal en www.soutomaior.com/xuventude, chamando ao teléfono 986 700 822 ou nas oficinas da OMIX no edificio Multiusos de Arcade todas as tardes de 15:30 a 20:30 salvo os mércores de 09:00 a 14:00.

13 de novembro de 2014 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.