publicidade hoxe

Soutomaior concreta os detalles da colaboración con Tráfico para realizar algúns trámites desde as oficinas municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Reunión do alcalde de Soutomaior coa Xefa de Tráfico de Pontevedra

Reunión do alcalde de Soutomaior coa Xefa de Tráfico de Pontevedra

Os veciños de Soutomaior xa non terán que desprazarse a Pontevedra para realizar algúns dos seus trámites en Tráfico. O alcalde, Agustín Reguera, reuniuse esta mañá coa xefa provincial de Tráfico en Pontevedra, María Isabel Alonso, para coordinar os detalles do convenio de colaboración básica co Concello de Soutomaior grazas ao cal os seus veciños poderán tramitar algunhas solicitudes de tráfico, como o cambio de domicilio no seu permiso de circulación e de condución, de maneira gratuíta e desde as oficinas municipais.

O obxectivo do convenio é facilitar aos veciños de Soutomaior algúns dos trámites comúns de tráfico que ata agora supuñan ter que trasladarse ás oficinas da Xefatura Provincial en Pontevedra. En particular trátase da tramitación do cambio de domicilio no seu permiso de circulación, a efectos do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, e do seu permiso de condución. Estas solicitudes non xeran ningunha taxa polo que se poderán realizar de maneira gratuíta desde as oficinas da Casa do Concello.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, agradeceu á xefa provincial de Tráfico, María Isabel Alonso, a súa colaboración neste acordo que “permitirá aforrar moito tempo e molestias aos nosos veciños”.

Ademais da adhesión do Concello de Soutomaior ao convenio de colaboración, durante a reunión tratáronse diversos temas relacionados coa seguridade viaria no municipio como a realización de xornadas de sensibilización e concienciación para condutores e peóns ademais de estudar a posibilidade da instalación eventual dun parque educativo infantil sobre tráfico no municipio.

O resultado deste convenio está a ser altamente positivo naqueles concellos que asinaron este acordo xa que facilita en gran medida a xestión dos trámites e supón un gran aforro de tempo para todos os implicados ao evitar os desprazamentos dos veciños e a saturación das oficinas da Xefatura Provincial.

18 de novembro de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.