publicidade hoxe

Soutomaior clausura o seu curso de tapicería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

A Casa da Cultura de Soutomaior, acolleu esta semana o acto de clausura do curso de formación ocupacional de tapicería organizado polo Concello de Soutomaior. O ciclo, financiado pola Deputación de Pontevedra, está encadrado dentro do programa “Actívate” e tiña por obxecto desenvolver actividades formativas e educativas dentro do ámbito do lecer e o tempo libre que sexan de interese xuvenil e que respondan as demandas da xente nova do municipio.

O ciclo iniciouse o mes pasado e contou cunha alta demanda entre a poboación, ocupando as 25 prazas dispoñibles en moi pouco tempo. Durante as 40 horas das que constaba o curso, as alumnas adquiriron as destrezas necesarias para a correcta montaxe, cosido e acabado de obxectos tapizados utilizando diferentes tipos de materiais e técnicas de costura, tradicionais e modernas.

Ao acto de clausura acudiron o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e a edil de Xuventude, Noelia Ocampo, quen felicitaron ás alumnas polos grandes traballos de tapicería realizados. “O traballo realizado non parece o resultado dun curso de aprendizaxe, senón obra de profesionais”, afirmou o alcalde. Pola súa banda as alumnas agradeceron a oportunidade de realizar este ciclo aproveitando a ocasión para expresar a súa satisfacción polo mesmo e o seu desexo de que se repita nun futuro. Para finalizar o acto todas as asistentes recibiron o seu diploma de asistencia e unha foto de recordo con todo o grupo.

21 de novembro de 2014 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.