publicidade hoxe

Soutomaior clausura o curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Participantes no curso

Participantes no curso

A edil de cultura do Concello de Soutomaior, Dolores Cernadas, clausurou esta mañá o Curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio. Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro do plan de Accións Formativas para Desempregados (AFD) da Xunta de Galicia e financiada pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo en colaboración co Concello de Soutomaior.

O ciclo, de 618 horas lectivas, desenvolveuse na recentemente homologada Escola Obradoiro Luís Seoane de Alxán desde o pasado mes de xullo coa intención de formar a un total de 15 veciños. O curso contaba con diversos módulos enfocados a cubrir as principais necesidades das persoas dependentes. Entre eles atopábanse os relativos á hixiene e atención sanitaria, a administración de alimentos e tratamentos médicos, o mantemento e organización do domicilio das persoas dependentes ou o de atención e apoio psicosocial domiciliario.

“Cada vez hai máis persoas maiores que necesitan esta clase de coidados especializados, polo que este tipo de cursos son cada vez máis demandados. Sobre todo tendo en conta que desde a administración esíxese unha titulación oficial como esta para poder desempeñar este traballo”, puntualizou Dolores Cernadas, que aproveitou para agradecer aos alumnos a súa constancia e o seu traballo “nunha profesión tan vocacional como esta, que require de moita empatía e profesionalidade”.

O obxectivo deste ciclo non é outro que o de desenvolver políticas que xeren emprego cunha dimensión local ademais de supor unha mellora na empregabilidade dos alumnos grazas á súa formación teórica e a súa gran especialización profesional, ao ser un programa enfocado fundamentalmente aos coñecementos prácticos.

27 de novembro de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.