publicidade hoxe

Samuel Diz pon música en Mondoñedo á mostra ‘Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondoñedo
A-
A+

Ata o próximo 8 de novembro o Centro Comarcal de Mondoñedo acolle a exposición “Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago” organizada por Turismo de Galicia no marco da conmemoración do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.

A exposición é froito da recente viaxe realizada polo fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandre González a través de Italia, Francia, o norte de España e a Galicia xacobea, seguindo a mesma ruta que san Francisco percorreu en 1214 desde Asís a Compostela.

Esta mostra de carácter audiovisual está percorrendo nestes meses un total de sete localidades galegas onde existiu historicamente unha presenza franciscana. Deste xeito, a exposición xa puido visitarse en Viveiro e Ribadeo, e nas próximas semanas visitará Muros, Ponteareas, Verín e Monforte.

Mañá o músico Samuel Diz poñerá música á exposición cun concerto de guitarra clásica que terá lugar no propio Centro Comarcal de Mondoñedo ás 20.00 h. No concerto interpretaranse diversas obras de autores galegos relacionadas co mundo xacobeo.

A través deste concerto, “Camiños da guitarra clásica galega”, o recoñecido músico fará un percorrido polo pasado, presente e futuro do instrumento na nosa cultura. Unha viaxe pola nosa historia dende unha óptica contemporánea, un canto á guitarra galega que inexplicablemente non fora formulado ata o de agora.

Esta conversación pedagóxica e íntima, coa música e o silencio como fragmentos dunha mesma orixe, remóntase ás brumas medievais, onde curas e peregrinos dos primeiros tempos de Santiago traen a Galicia as influencias da música europea.

Trátase dunha recompilación de pezas fundamentais que nos levarán dende melodías medievais ata o século XXI coa nova xeración de compositores Partituras recollidas no disco do artista dedicado á Guitarra Clásica Galega que acaba de ser presentado con grande éxito en todo o Estado e en países como Francia, Zimbabwe e Estados Unidos.

Despois desta xira ao outro lado das nosas fronteiras, e tras recoller o Premio da crítica tras o seu debut no Palau de la Música Catalá, Samuel Diz regresa á terra que serviu de inspiración para este traballo e que está a ser o brote dunha inquietude cara a recuperación do patrimonio musical que continuará en próximos proxectos.

6 de novembro de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.