publicidade hoxe

Salvemos Cabana cualifica de falaces e ignorantes os argumentos do PP para defender o uso do cianuro en minaría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de BergantiñosLocal Portada
A-
A+

A Plataforma felicita a AGE pola súa iniciativa parlamentaria para reformar a Lei 3/2008, de Ordenación de Minaría de Galicia prohibindo o uso deste perigoso composto, considerado a nivel europeo na Directiva Marco da Auga como un dos principais contaminantes, que pode ter graves efectos sobre a saúde humana, a biodiversidade e o medio ambiente.

Doutra banda, Salvemos Cabana considera falaces os argumentos esgrimidos polo deputado do PPdG Pedro Arias no pleno do Parlamento galego de hoxe ao avalar a suposta utilidade do uso do cianuro en tecnoloxías mineiras, cando a realidade é que o único que facilita son as contas de resultados das empresas extractivas ao tratarse dun método economicamente moi rendible en xacementos de baixa lei, pero sumamente perigoso e contaminante.

Hai que considerar que o Principio de Cautela ou de Precaución, recollido no artigo 174 do Tratado Fundacional da Unión Europea, é unha das políticas reitoras a nivel continental, e recolle que obrigadamente hai que valorar os riscos ante calquera proxecto industrial cuxas tecnoloxías poidan supoñer un perigo para o ser humano e os ecosistemas, en cuxo caso deben ser desestimados.

En verdade, cada vez son máis os países e rexións que se uniron á prohibición do cianuro -Eslovaquia en datas recentes logo doutros países como República Checa ou Hungría-. Neste senso, a Resolución do Parlamento Europeo P7 TA(2010) 0145, sobre a prohibición do uso do cianuro de sodio, en tecnoloxías mineiras, recoñece que esta “é unha substancia química altamente tóxica” que pode ter “un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana, o medio ambiente e a diversidade biolóxica” e que mesmo os fallos no seu transporte e almacenamento “poden ter consecuencias catastróficas”.

A ACTITUDE DO PARTIDO POPULAR EN DEFENSA DO CIANURO, INCOMPRENSIBLE

Finalmente, resulta lamentable a defensa efectuada dende o PPdG dunha tecnoloxía tan obsoleta e impactante como o emprego do cianuro en minaría metálica, e tan só pode ser comprendida dende a ignorancia e descoñecemento máis absoluto de toda a problemática que xera o seu uso. Hai que recordar que mesmo a mina de ouro Kitillä, operada pola transnacional mineira Agnico Eagle na Laponia Finlandesa, e que algúns queren vender como o maior exemplo de ‘minaría responsable’ en Europa, está a ter graves problemas coa xestión deste composto.

De feito, o 21 de xuño de 2012, as europarlamentarias finlandesas Satu Hassi (Verdes/ALE) e Sirpa Pietikäinen (PPE), sinalaron nunha pregunta con solicitude de resposta escrita dirixida á Comisión Europea, que malia que a compañía asegurara aos residentes locais e responsables políticos que a minaría levada a cabo en Kittilä “é un proceso pechado e non hai xeito de que o cianuro poida escapar ao medio ambiente”, existen informes científicos que apuntan a que si existiron verteduras de cianuro “que superaron os límites establecidos na licenza ambiental”.

25 de novembro de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.