publicidade hoxe

Pazos de Borbén estrea a exposición de David Gil “Olimpíadas e campionatos paraolimpicos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+
Fotografías da exposición

Fotografías da exposición

No marco das actividades organizadas pola Concellaría de Educación con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o Concello de Pazos de Borbén organizou unha exposición fotográfica titulada “Olimpíadas e Campionatos Paraolímpicos”. A mostra está realizada polo ex-seleccionador nacional de atletismo para persoas con discapacidade David Gil Porteiro e estará exposta na planta baixa da Casa do Concello até o próximo día 3 de decembro.

A exposición está encadrada dentro do proxecto “700 camisetas contra a leucemia” de David Gil, polo que foi recentemente galardoado co premio “Xeración Viguesa” en recoñecemento ao labor desenvolvido por mozos vigueses. Este movemento comezou en 2009, cando emprendeu, tras a morte do seu irmán por leucemia, un camiño de 10 días correndo por Galicia para transmitir unha mensaxe a favor das doazóns de médula ósea. As fotos da mostra foron tomadas no Campionato de Europa ao aire libre en Dreux (Francia), no campionato de pista cuberta en Praga e no campionato do mundo paraolímpico de atletismo en Assen (Holanda).

A edil de Servizos Sociais, Montserrat Fragueiro, explicou que o compromiso do equipo de goberno coa integración é unha constante nos últimos anos. Fragueiro afirmou que a celebración destes actos “vai precisamente nesta liña de mellorar a calidade de vida das persoas e de concienciar a toda a comunidade de veciños sobre a necesidade de traballar por unha sociedade máis igualitaria e inclusiva”.

Actos Día Internacional da Discapacidade

A exposición “Olimpíadas e Campionatos Paraolímpicos” supón o arranque das actividades programadas para o Día Internacional da Discapacidade, o próximo 3 de decembro. A xornada comezará cun coloquio no que diferentes personalidades como o medallista paraolímpico Sebastián ‘Chano’ Rodríguez, o anteriormente citado David Gil ou os integrantes do proxecto “Discamino 2014”, o “Vigués Honorífico” Javier Pitillas, José Varela e Gerardo Fernández, conversarán cos alumnos do CPI Curros Enriquez de Pazos de Borbén sobre as súas experiencias e o valor da superación persoal.

Para finalizar o encontro proxectaranse varios vídeos curtos protagonizados polos invitados como “Chano, travesía a nado desde a illa de Ons”, “700 camisetas contra a leucemia” ou un resumo do proxecto “Discamino 2014”. A continuación os asistentes gozarán dun pequeno ágape para repor forzas antes da última actividade do día, unha xincana solidaria na que os participantes porán a proba as súas habilidades en diferentes xogos de integración social. A xornada completarase cunha pequena exposición dos produtos que realizan nos seus talleres os integrantes de asociacións ASPAVI e APAM.

21 de novembro de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.