publicidade hoxe

Os orzamentos de Sober para 2015 ascenden a 1,8 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Goberno local do Concello de Sober aprobou esta tarde os Orzamentos para 2015, unhas contas que ascenden a 1.811.639 euros, 74.304 euros máis que o do exercicio anterior e 376.997 euros máis que en 2013. O alcalde, Luis Fernández Guitián, afirma que se trata dun presuposto “absolutamente realista” no que prima o gasto social, os investimentos reais e rebaixa no capítulo de persoal.

Guitián destaca ademais o feito de ser “dos poucos Concellos que aprobamos os Presupostos en tempo e forma e antes do remate do ano”, permitindo así a súa entrada en vigor o un de xaneiro, tal e como esixe a Lei. Explica que non se consignaron axudas ou subvencións supramunicipais que non estean seguras nin ingresos ou gastos de persoal que poida ser subvencionado ao 100%. “É un presupostos aberto no que hai partidas que poden ampliarse de existir esa posibilidade de ingresos”, engade.

Os investimentos reais sofren un aumento moi significativo en relación aos de 2012 (132.000 euros) e 2013 (179.000 euros) e mantéñense nas cifras de 2014 ao alcanzar os 388.702 euros.

Medra o gasto social

O capítulo máis importante é o do gasto social que volve medrar e absorbe 500.000 euros do Orzamento. Destínase a manter a axuda a domicilio (10 auxiliares, unha traballadora social, unha educadora de familia e unha técnica sociocultural), o Punto de Atención á Infancia (dúas profesoras e unha educadora) e a Escola Municipal de Música (7 profesores).

Neste apartado inclúese o mantemento dos servizos correspondentes ao Centro de Saúde, o CEIP, a Gardería e o Centro Sociocultural, así como a Biblioteca Pública Municipal, as axudas ao transporte universitario, (ás que se destinan preto de 5.000 euros e que a maioría de Concellos suprimiron), e a achega municipal ao servizo de Teleasistencia, á que van 10.000 euros.

O capítulo de gasto corrente ascende a 665.810 euros que serven para facer fronte aos pagos de Telefonía, Unión Fenosa, Sogama, mantemento do alumeado, servizo de recollida de lixo e un contrato menor para actualizar o inventario de bens municipal.

Contraese o capítulo de persoal

No capítulo de persoal prodúcese unha diminución “moi considerable” con respecto aos anos anteriores. Os recursos destinados a este capítulo sitúanse no 38,9% en 2015, mentres que foron o 56,46% en 2012, o 47,52% en 2013, e o 41,25% en 2014.

A pesar deste esforzo, subliña o rexedor, váiselle recoñecer a antigüidade a todo o persoal laboral.

Ingresos

O capítulo de transferencias correntes do Estado e a Comunidade Autónoma ascende a 957.313 euros, unha cantidade algo por debaixo da do ano anterior (1.005.432 euros) debido á existencia de posibles axudas ou convenios aínda non confirmados.

Os impostos directos suporán uns ingresos de 452.000 euros, mentres que o recadados por taxas, prezos públicos e outros ingresos suma 345.000 euros.

Outros asuntos do Pleno

O Goberno local aprobou ademais a constitución da Conferencia Sectorial de Turismo, un acordo regulador das condicións de traballo do persoal municipal, así como a constitución dunha mesa local de coordinación contra a violencia de xénero.

27 de novembro de 2014 | 21:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.