publicidade hoxe

Obradoiros para a Igualdade en Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

O Concello de Cabanas e a súa Concellería de Servizos Sociais desenvolveu durante toda esta semana unha serie de obradoiros no C.E.I.P. Eladia Mariño enmarcados dentro do Programa Municipal de Promoción da Igualdade, un programa no que colabora a Secretaría Xeral da Igualdade mediante unha serie de axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O que se buscou cos diferentes obradoiros que se levaron a cabo foi sensibilizar o alumnado do centro sobre a importancia de fomentar a igualdade entre homes e mulleres, potenciando o empoderamento da muller en todos os ámbitos para tratar de educar ós nenos e nenas como axentes críticos coas situacións de desigualdade. Desta forma outro dos obxectivos a perseguir foi o de establecer relacións equilibradas, solidarias e construtivas entre ambos sexos, eliminar prexuízos e estereotipos sexistas así como apreciar os valores básicos que rexen a vida e a convivencia humana.

Non será so o C.E.I.P. Eladia Mariño onde se vaian levar a cabo actuacións por parte dos Servizos Sociais. O I.E.S. Fragas do Eume tamén será un escenario para este programa de igualdade. Neste caso a data escollida será o 25 de novembro c a actividade levará por título “Frases para o bo trato”. Nela, os alumnos e alumnas do centro recibirán lazos morados e unha tarxeta na que deberán deixar escrita unha frase de bo trato.

Por último, no Punto de Atención á Infancia de As Viñas, o día 28 de novembro, procederase a unha actividade de contacontos. Tendo en conta a importancia de comezar a traballar e educar canto antes para favorecer a eliminación de estereotipos de xénero, buscarase desta forma lúdica achegar os nenos e nenas máis novos a importancia do traballo en prol da igualdade.

24 de novembro de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.