publicidade hoxe

O taekwondo galego enfróntase esta fin de semana no Campionato de Exhibición Adultos e o vila de Moaña de Freestyle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMoaña
A-
A+

O sábado 8 de novembro o pavillón municipal de o Reibón acollerá o campionato galego de exhibición adultos e o Vila de Moaña de freestyle. A competición comezará coa modalidade de exhibición a partires das dez da mañá. No Galego participarán un total de cinco equipos en representación de catro clubs (Hebe, Mace Sport, Couto e Tao). A principal ausencia é a do Olimpic, que se proclamou campión galego e de España o pasado ano. A participación de varios deportistas no Mundial que se celebrou a semana pasada en México, deixou ao club minguado para preparar en condicións un bo traballo.

En xogo estará saber que clubs representarán a Galicia no campionato de España. Hai que recordar que Galicia conta con verdadeiros especialistas nesta modalidade e os clubs galegos son os absolutos dominadores no campionato estatal. Na exhibición os equipos (formados por de 6 a 9 deportistas) presentan un programa coreográfico con música, no que se combinan movementos, defensa persoal e acrobacias. Vila de Moaña. E trala exhibición chegará o momento do freestyle, unha nova modalidade que introduciu a Federación Mundial no 2013. O freestyle combina a técnica libre con movementos obrigatorios pero permite introducir acrobacias. Sen dúbida, e unha modalidade atractiva cara ao espectador, por ser moito máis espectacular.

Neste torneo participan 80 deportistas dos clubs Hebe, Arte e Movemento, Sares TKD Cangas, Kido Sport, Taekanart, Mace Sport, Kiap, Couto e Natural Sport Sada. As categorías do Vila de Moaña serán individual (ata 12 anos, de 12-17 anos, e máis de 18 anos), parellas (ata 12 – de 12-17 – e máis de 18 anos) e quintetos (ata 12 e máis de 12 anos).

6 de novembro de 2014 | 14:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.