publicidade hoxe

O goberno local de Cedeira propón a ampliación da zona recreativa do paseo marítimo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, informou esta mañá dos proxectos que o goberno municipal prevé levar a pleno para a súa aprobación de cara a presentalos para a súa financiación con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación provincial da Coruña. En concreto, a mellora e ampliación da área recreativa ubicada no paseo marítimo –no entorno do auditorio ao aire libre; a mellora do firme dos viais que delimitan a praza do Peixe e a praza da Marieta, e a rúa Ezequiel López, e máis a dotación de nova iluminación para o campo municipal de fútbol. Intervencións que, no seu conxunto, suman uns 140.000 euros e representan o 60% da subvención que concede a institución provincial. O 40% restante é intención do executivo local destinalo a gasto corrente.

A proposta, en todo caso, irá a pleno a próxima semana. Respecto ao primeiro proxecto, o alcalde propón ampliar e mellorar a área recreativa do paseo marítimo na que se ubica o auditorio ao aire libre e máis a pista de skate. A intervención pasa por aumentar a zona axardinada circundante e o espazo adicado a escenario para actuacións musicais, así como a incorporación de novos elementos portátiles para a práctica deste deporte por parte da mocidade. Tamén con fondos provinciais, o rexidor plantea obras de mellora do firme do vial do entorno da praza do Peixe e praza da Marieta, así como da rúa Ezequiel López. Traballos de pavimentación que irían acompañados tamén das correspondentes tarefas de sinalización.

E, `por último, tal e como se tiña comprometido o alcalde coa directiva do SD Cedeira, o goberno local propón destinar unha partida do POS para dotar de nova iluminación o campo municipal de fútbol. A instalación de torretas de alumbrado facilitaría notablemente a actividade deportiva, especialmente nos meses de inverno, con menos horas de luz natural e permitiría levar a cabo partidos de categoría superior nesta época. Ademáis, coa instalación de iluminación eficiente lograríase rebaixar a factura eléctrica das instalacións.

21 de novembro de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.